Preocupación nas bibliotecas de Pontevedra polo decreto que lles obriga a pagar por cada libro prestado
Por Alejandro Espiño
Un decreto publicado en Boletín Oficial do Estado o pasado venres 1 de agosto trae de cabeza aos responsables das bibliotecas pontevedresas. Con el, o Goberno busca regular o préstamo de obras protexidas por dereitos de autor por parte destas entidades. Traducido á práctica, todas aquelas institucións e organismos culturais que permitan aos seus usuarios levarse libros para ler na casa terán que pagar un canon.
En liñas xerais, a obriga de pagamento aplícase a museos, arquivos, bibliotecas, hemerotecas, fonotecas ou filmotecas de titularidade pública ou que pertenzan a entidades de interese xeral. Dase cumprimento así a unha normativa da Unión Europea.
Quedan exentas deste pagamento as bibliotecas ou establecementos públicos que presten servizo en municipios de menos de 5.000 habitantes; e as bibliotecas das institucións docentes integradas no sistema educativo español. Non xerarán custo a consulta 'in situ' destas obras protexidas polos dereitos de autor, os que se realicen entre institucións ou os préstamos en beneficio de persoas con discapacidade.
Os titulares de todos estes organismos deberán compensar os autores polos préstamos das súas obras. Este canon cobrarase a través das entidades de xestión dos dereitos de autor. Pagarán anualmente en función do número de obras prestadas e do número de usuarios que soliciten os devanditos préstamos. Terán que aboar 0,004 euros por cada préstamo e 0,05 euros por cada usuario que fixese uso efectivo deste servizo.
Este canon aplicarase a partir do 1 de xaneiro de 2016. Ata entón, as bibliotecas deberán pagar 0,16 euros por cada obra adquirida (canon algo máis baixo do que se pagaba actualmente) e os 0,05 euros por cada usuario que se levase unha destas obras ás súas respectivas casas.
A contía a desembolsar correrá a cargo dos presupostos da biblioteca. O Ministerio de Educación asegura que este canon non ten custo ningún para os usuarios. Pero no sector non opinan o mesmo. A Federación Española de Asociacións de Arquiveiros, Bibliotecarios, Arqueólogos, Museólogos e Documentalistas está radicalmente en contra desta medida e dende a web http://noalprestamodepago.org/ iniciaron unha campaña de oposición.
Tamén en Pontevedra hai certa preocupación. Traballadores da Biblioteca Pública aseguran que facer fronte a este canon, sumado ao continuo recorte nos seus presupostos, "nos vai deixar sen apenas diñeiro para a compra de fondos". Sen prexuízo, advirten, de que provoque a redución de partidas destinadas a persoal, investimentos, gasto corrente ou actividades complementarias.
Lamentan que o seu sector vaia ser penalizado "polo mero feito de cumprir co que é un dos seus labores esenciais" e cren que este canon non fará máis que limitar o acceso á lectura de gran parte de poboación. Afirman que o dereito á propiedade intelectual debe ser respectado "pero non a custa do xa deteriorado sistema bibliotecario español" e advirten que esta medida pode supoñer un primeiro paso para a súa privatización.
XUNTA E CONCELLO DAN A SUA VALORACION
Dende a Consellería de Educación e Cultura aseguran que este canon apenas afectará ás bibliotecas e entidades culturais que xestiona o goberno autonómico, xa que na súa maior parte son centros de consulta nas propias salas e non de préstamos de obras a domicilio. As bibliotecas afectadas, como a pública de Pontevedra, son de titularidade estatal polo que será o Goberno quen asuma o gasto, ben vía Ministerio ou vía presupostos de cada centro.
En todo caso, destacan que serán cantidades "mínimas", xa que calculan que, como media, unha biblioteca galega pode chegar a aboar uns 200 euros ao ano por este canon.
Pola súa banda, dende o Concello de Pontevedra súmanse á inquietude do sector. A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, sinala que este novo canon é unha "mala noticia", que afectará aos servizos que prestan estes centros. Tras destacar o gran labor cultural e educativo da biblioteca pontevedresa, a edil nacionalista denunciou os continuos recortes que, no ámbito da cultura, se están a suceder de forma "preocupante".