O novo centro de saúde de Marín colle altura

Marín
04 de agosto 2015

Xa se pode apreciar o volume do edificio, que se constrúe nun terreo de 3.800 metros cadrados, e a Administración local acometeu a obra referente ao soterramento do cableado, e tratará de proceder á contratación nos próximos meses do condicionante para o ancheamento da ponte e o murete que ten que levar o propio edificio

Obras do centro de saúde de Marín Concello de Marín

O novo centro de saúde de Marín foi collendo forma e altura nas últimas semanas. As obras , adxudicadas á empresa Dragados por 5,2 millóns de euros, avanzan a bo ritmo e xa se poden distinguir as dúas plantas que vai ter o edificio.

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, xa se pode apreciar o volume do edificio, que se constrúe nun terreo de 3.800 metros cadrados, e a Administración local acometeu a obra referente ao soterramento do cableado, e tratará de proceder á contratación nos próximos meses do condicionante para o ancheamento da ponte e o murete que ten que levar o propio edificio.

A obra é, segundo fontes municipais, unha infraestructura sanitaria moi demandada e necesaria que fará posible que se unan as consultas da Casa do Mar e do centro de saúde da rúa da Estrada, posibilitando unha mellora "substancial" neste servizo sanitario.

O centro terá 12 consultas médicas, unha área de medicina xeral e de enfermería, unha aula polivalente e instalacións específicas para asistencia social, toma de mostras, telemedicina, odontoloxía, hixiene dental, farmacia, raios X, PAC, muller, matrona, educación para a saúde e fisioterapia.