O mozo queimado no incendio do seu coche en Estribela recibe a alta médica e volverá declarar

Pontevedra
17 de febreiro 2023

Tras pasar polos hospitais de Pontevedra e A Coruña, catorce días despois, xa pode recuperarse na súa casa de Marín. Relatou, nada máis saír do coche que ardía completamente espido, que lle quitaban a roupa para logo darlle unha malleira e encerrarlle no maleteiro do coche e prender lume ao vehículo

Vehículo calcinado en Estribela Mónica Patxot

O home que o pasado 2 de febreiro sufriu importantes queimaduras tras sufrir un incendio no seu propio vehículo en Estribelarecibiu este xoves a alta médica tras 14 días hospitalizado

O home foi derivado primeiro ao Hospital Montecelo e logo á Unidade de Queimados do Hospital Clínico Universitario da Coruña. Agora, xa pode recuperarse na súa casa de Marín

Durante a súa estancia no hospital, axentes da Policía Xudicial da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra desprazáronse ata A Coruña para tomarlle declaración e avanzar na investigación do ocorrido. Unha vez que recibiu o alta médica, volverán interrogalo por se puidese achegar máis información que axude a esclarecer este estraño suceso.

O home relatou, nada máis saír do coche que ardía completamente espido, que lle quitaron a roupa para logo darlle unha malleira e encerralo no maleteiro do coche e prender lume ao vehículo. Esa declaración repetiuna no primeiro encontro cos axentes da Policía Nacional de Marín que acudiron ao lugar do suceso, aínda que logo incorreu nalgunha contradición. 

Agora que poderán tomarlle declaración de novo, a investigación poderá seguir avanzando.

O ferido é un veciño de Marín con 29 anos e pai de dous fillos e no incendio sufriu queimaduras en distintas partes do corpo, fundamentalmente, un brazo e unha perna, senón tamén na cara. 

Nun primeiro momento, dixo que coñecía aos agresores, pero logo non o confirmou. Chegou a asegurar a unha veciña que fora violado e a un veciño que o atacaban por "un asunto de mulleres".

Nestes momentos, non existe ningunha persoa identificada nin investigada como sospeitosa dos feitos. Todas as hipóteses seguen abertas. 

A familia do afectado recoñeceu a PontevedraViva que nos últimos meses tiña problemas e malas compañías, tanto de Marín como de orixe estranxeira, pero tampouco eles teñen sospeitosos do ocorrido e prefiren deixar traballar aos investigadores. 

As indagacións tamén están pendentes do resultado das análises das probas recollidas pola Policía Científica no vehículo, un Dacia Sandero que quedou totalmente calcinado no final do canellón sen saída de Santa Ana, en Estribela.