O festival SonRías Baixas de Bueu deixou 1,14 millóns de euros no Morrazo

Bueu
03 de outubro 2018

O Agadic presentaba os resultados do estudo de avaliación que realiza coa Universidade de Santiago sobre estas accións desenvolvidas pola Xunta de Galicia. O perfil de asistente máis habitual no evento correspóndese co de muller nova, galega e estudante 

Asistentes ao SonRías Baixas de Bueu Agadic

O perfil máis habitual das persoas asistentes á 16 edición do SonRías Baixas de Bueu correspóndese co de muller nova, galega e estudante. Así o afirma o FEST Galicia no balance que presentaba a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) este mércores sobre o evento que se desenvolvía na vila pontevedresa cunha ocupación superior ao 85%

A Universidade de Santiago de Compostela realizaba este estudo, a través dun sistema pioneiro, con 1.261 enquisas durante os días do festival, que se desenvolvía entre o 2 e o 4 de agosto coa presenza de 21.800 visitantes durante eses tres días

Cada persoa realizou un gasto de ao redor de 43 euros, segundo apuntaba Jacobo Sutil, director do Agadic. Os cálculos de impacto económico na comarca do Morrazo ascenden a 1,14 millóns de euros, cun retorno de entre 3,14 e 3,61 euros por cada euro investido pola organización do festival.

Ademais, os asistentes ao festival cualificaron cun 7,8 sobre 10 as propostas deste evento, con notas moi elevadas en canto a localización e integración na contorna, puntualidade, sistema de compra de entradas e o trato do persoal.

Para próximas edicións, Jacobo Sutil adiantou que se estuda a redacción dun manual de boas prácticas para os eventos asociados. Ademais, a Xunta quere ofrecer un selo distintivo que recoñeza aos festivais musicais de Galicia que estean organizados baixo o criterio de alta calidade, sustentabilidade e responsabilidade.