O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra rompe relacións coa Consellería de Sanidade

Pontevedra
23 de novembro 2022

O pleno da Xunta desta institución provincial decidiu adoptar esta decisión por unanimidade ao entender que a Consellería que lidera Julio García Comesaña está a caracterizarse pola ineficacia, falta de seriedade e plans que non se executan. Alertan de que acudirán a outras instancias como as xudiciais para garantir a saúde dos pacientes e as condicións profesionais dos facultativos

Colexio de Médicos de Pontevedra / IMAXE DE ARQUIVO Daniel Santomé

O Pleno da Xunta do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra acordou, por unanimidade, romper todo tipo de relación coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ata que cambie o equipo que actualmente dirixe o conselleiro Julio García Comesaña.

Segundo indica esta institución, a través dun comunicado, o Colexio de Médicos tentou en múltiples ocasións atopar unha interlocución adecuada coa Consellería, "tendo como resposta a ineficacia, a falta de seriedade, plans que non se cumpren e, en ocasións, respostas que parecen máis ocorrencias que solucións reais". Fronte a esta situación, desde o Colexio observan unha deterioración na asistencia sanitaria tanto para os profesionais como para os pacientes. "A Consellería está permanentemente instalada nunha realidade falsa e fantasiosa", alegan.

Consideran que a Consellería ofrece unha "total ineficacia" para solucionar ou paliar "os graves problemas da sanidade na nosa provincia que abarcan todas as esferas, desde a medicina hospitalaria ata a, actualmente máis graves, situación da Atención Primaria".

Sinalan que á situación actual chegouse polas "continuas deficiencias acumuladas durante anos por un sistema sanitario galego que ten transferidas a totalidade das súas competencias en saúde desde hai máis de 30 anos". E engaden "por máis que busquen outros culpables, entre eles, os médicos -os cales sofren agresións persoais e mediáticas continuamente- son eles os responsables desta situación de gravísimo deterioración que non cesa de aumentar".

Afirman que a Consellería incumpre as súas propias propostas e refírense ao documento pactado co Consello Galego de Colexios de Médicos "Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde", de novembro de 2019, realizado a proposta da Consellería para acometer melloras e solucións "que nunca se levaron a cabo".

Desde o Colexio que preside Isidro Lago tamén se expón que existe unha "evidente discrepancia entre os datos que achegan desde a Consellería e os datos da realidade vivida, día a día, por profesionais e pacientes". Afirman que "xa teñen normalizadas situacións como a falta de médicos nos centros sanitarios de urxencias extrahospitalarios, delegando noutros estamentos (como farmacéuticos ou enfermería) funcións propias dos médicos nas urxencias e na asistencia diaria nos centros de saúde, onde os pacientes seguen atopando cada vez máis dificultades no acceso aos mesmos". Afirman que non poden entender a Atención Primaria sen médicos e con listas de espera como as actuais, temas admitidos a trámite xudicial ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Como punto máis grave, engaden, é que a Consellería avale a prioridade na atención dos pacientes que acoden aos centros de saúde en persoal non sanitario "disfrazando este triaxe en sistemas de “ordenación da demanda” que non ten validez clínica, nin xurídica. Isto supón, ao noso xuízo, un perigo non só para a intimidade senón tamén, e moito máis grave, para a propia seguridade dos pacientes". Aseguran que desde a súa implantación, a "ordenación da demanda" é peor.

"Formar máis médicos para que se marchen do sistema público é malgastar diñeiro público"

Insisten tamén en que, na actualidade, non existen as condicións laborais apropiadas que oferta o SERGAS a médicos coa Especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, nin Pediatras de Atención Primaria para cubrir as vacantes. Argumentan que a oferta é tan deficiente que nin creando novas categorías de médicos para este fin ofertando prazas fixas por un sistema de méritos (sen oposición), as prazas non se cobren. "Os médicos non aceptan as súas deficientes condicións de traballo. Máis de 400 médicos emigran todos os anos. Máis de 200 prazas de Medicina Familiar e Comunitaria quedaron desertas no último MIR. Formar a un médico cústalle á sociedade máis de 300.000 euros e, a maioría, marchan a traballar a outras autonomías, países ou á medicina privada", conclúen desde o Colexio de Médicos, que sentencian "formar máis médicos para que se marchen do sistema público é malgastar diñeiro público". 

"A falta de médicos xorde do trato desconsiderado e dos malos tratos ao que son sometidos os profesionais, aos que se chega a culpabilizar da situación actual", continúan no comunicado indicando que "existe un rexeitamento cada vez maior dos médicos MIR a dedicarse á Atención Primaria", decisión que relacionan coa frustración dos médicos experimentados "aos que se lles impide realizar o seu traballo en condicións dignas pola saturación de pacientes nas axendas e a carga burocrática á que se enfrontan no seu día a día". 

Nun último punto denuncian as deficiencias na formación MIR. Acusan á Consellería de Sanidade de non regular legalmente "a través dunha orde autonómica, as competencias, dereitos, obrigacións e incentivacións dos titores dos médicos residentes, algo imprescindible para este Colexio. Non se poden pedir mais prazas de MIR e non poder formalos".

Reclaman unha dotación económica adecuada para liquidar as "enormes deficiencias actuais", dotación que "non aparecen nin nos orzamentos actuais nin nos do próximo ano". Piden unha comisión de seguimento independente e lembran que non se pode continuar coa política de diminución do investimento en Atención Primaria nos últimos anos, causa fundamental que "impediu dar unha atención de calidade aos nosos pacientes", advirten.

O Pleno da Xunta do Colexio de Médicos de Pontevedra afirma que, tras suspender as negociacións coa Consellería de Sanidade, recorrerá a outras instancias como as xudiciais para "garantir a saúde dos nosos pacientes e as condicións profesionais adecuadas aos nosos compañeiros".

Lembran, por último, que o Consello Galego de Colexios de Médicos, que preside actualmente o Colexio de Médicos de Pontevedra, ten pendente unha reunión con Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, para tratar todos estes temas e "como sempre, estaremos dispostos a retomar todos os mecanismos de comunicación ao noso alcance en aras do ben común", frase coa que finalizan o comunicado.