Maurizio Cattelan fíxose famoso pola venda por 120.000 dólares da súa obra 'Comedian', un traballo artístico no que aparecía pegado un plátano á parede con cinta americana. O ilustrador Kiko da Silva aproveitou esta idea para realizar o cartel do Entroido deste ano que se presentaba este venres no Concello de Pontevedra.
A obra orixinal, ademais, será poxada na internet coa intención de que se obteñan fondos para colaborar coa investigación científica, sinalou o autor, en concreto, coas investigacións do doutor santiagués José Manuel Castro Tubío, o biólogo que se atopa á fronte do grupo Xenomas e Enfermidades do CiMUS que realizou un importante avance no traballo sobre xenómica do cancro. Da Silva sinalou que con esta iniciativa "unha festa popular axuda á ciencia".
É unha das novidades do Entroido pontevedrés deste 2020, que xa contará o día 14 con pasarrúas de madamas e galáns de Cobres como agrupación convidada doutras festas do entroido galego. E o venres 21 ás 21.00 horas levará a cabo a lectura do pregón do Entroido deste ano a cargo da Asociación Recreativa de Xeve, escollida segundo expoñía a concelleira de Festas Carme da Silva porque leva 22 anos participando nesta festa e ademais son os responsables da elaboración do loro Ravachol. Durante este evento vai realizarse unha homenaxe a Amoriños de Bora, a comparsa que actuará por última vez neste Entroido despois de 30 anos participando.
Florencio Chartrero, responsable da Asociación Recreativa de Xeve, indicaba que realizarán un pregón á altura doutros anos e avanzou que xa están a traballar na vestimenta que Ravachol, símbolo do Entroido pontevedrés, levará este ano. "Como sempre será crítico e con retranca", apuntou. A Asociación Recreativa de Xeve está formada actualmente por ao redor de 80 persoas e, durante os 25 anos que leva constituída pasou por etapas con máis dun centenar de integrantes como o ano en que participaron no desfile vestido de 101 dálmatas, aínda que desfilaron 126 persoas.
O Entroido contará co desfile principal na tarde do sábado 22 que "dura moito porque participa moita xente", aclarou Carme dá Silva #ante as críticas sobre a duración deste evento dentro dunhas festas que volverán contar coas citas principais: Noite Pirata, Charangas, Parodia e Enterro do Ravachol. As charangas poderanse tamén ver o sábado 29 nas distintas prazas da cidade.
O mércores 19 ás 11.30 horas haberá unha sorpresa, segundo avanzou a concelleira, que estará relacionada con Sargadelos.
PROGRAMA DO ENTROIDO 2020
VENRES 14 DE FEBREIRO
18.00 horas Pasacalles Madamas e Galáns de Cobres
VENRES 21 DE FEBREIRO
20.00 horas Praza da Ferraría. Degustación de filloas de Entroido
21.00 horas Praza da Ferraría. Recepción do alcalde a Urco, rei do Entroido, quen chegará a Pontevedra acompañado do seu séquito e das comparsas Os Canecos, Amoriños de Bora, Os 100 Tolos, Os da Caña, Las Flores del Carnaval, Os Solfamidas, Os Paparrulos, As Sonecas e Os Miúdos.
Lectura do pregón a cargo da Asociación Recriativa de Xeve
SÁBADO 22 DE FEBREIRO
11.00 horas Pasacalles polo centro histórico da comparsa Os Canecos
16.00 horas José Malvar. Concentración dos participantes no desfile para realizar a inscrición e recollida do número de participación
17.00 horas Desfile do Entroido. Saída dende a rúa de José Malvar; percorrerá as rúas de Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e rúa da Alameda
20.00 horas Praza da Ferraría. Celebración da festa do Entroido durante a que se fará entrega dos premios do concurso de disfraces en cada unha das modalidades.
LUNS 24 DE FEBREIRO
De 9.30 a 14.00 VI Campamento Urbano Entroido Pirata Para nenas e nenos de 5 a 12 anos Inscrición no Casino Mercantil e Industrial (praza de Curros Enríquez) teléfono: 986 851 670
17.00 horas Praza da Verdura. Obradoiros de xogos e disfraces
19.30 horas Praza da Peregrina. Presentación do loro Ravachol Recreación da botica de don Perfecto Feijoo Actuación: Comando Foucellas
21.00 horas Pazo da Cultura. Primeira eliminatoria do XXIX Concurso de Murgas
MARTES 25 DE FEBREIRO
De 9.30 a 14.00 horas VI Campamento Urbano Entroido Pirata
Para nenas e nenos de 5 a 12 anos. Inscrición no Casino Mercantil e Industrial (praza de Curros Enríquez) teléfono: 986 851 670
16.30 horas XXV Festa da Filloa, concurso de filloas no Mercado de abastos
17.00 horas Praza da Ferraría. Festa Pirata de Entroido Infantil. Animación infantil con Rivel e varios DJ
22.00 horas Noite Pirata. Desembarco da tripulación do Burla Negra no centro histórico.
MÉRCORES 26 DE FEBREIRO
17.30 horas Campo da festa de Cabaleiro. Recuperación do Entroido tradicional de Campañó. A Corrida da Rosca - Festival infantil do Entroido
17.00 horas Praza da Peregrina. Obradoiro: As máscaras de Ravachol
17.30 horas Discoteca Daniel. Baile de disfraces para persoas maiores. Orquestra Bahía
19.00 horas Recreación da botica de don Perfecto Feijoo. Ambientación a cargo da Aula de Teatro Municipal e persoeiros relevantes da época na cidade Actuación de Xeitura
21.00 horas Pazo da Cultura. Segunda eliminatoria do XXIX Concurso de Murgas
XOVES 27 DE FEBREIRO
21.00 horas Pazo da Cultura. Final do XXIX Concurso de Murgas
VENRES 28 DE FEBREIRO
22.30 horas Prazas e rúas da cidade. XXVI Mostra da Parodia do Entroido
00.30 horas Praza da Ferraría. Entrega de premios da XXVI Mostra da Parodia do Entroido
SÁBADO 29 DE FEBREIRO
12.00 horas Praza da Peregrina. Recreación da botica de don Perfecto Feijoo, actuación de Comando Foucellas e Os Alegres
13.00 horas Murgas na Rúa: Murga PTV, Murga Os do Val do Lérez, Murga Equipo Ja, Murga do Naveiro - Prazas de Curros Enríquez, Méndez Núñez, Verdura, praza de abastos e da Leña
18.00 horas Praza da Verdura. Comezo do velorio de Ravachol na sala mortuoria.
21.00 horas Saída do cortexo fúnebre dende a praza da Verdura acompañado do seu séquito e das comparsas percorrendo as rúas de
San Román, A Ferraría, paseo de Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Sabela II, Rúa Real, Sarmiento, Pasantaría e praza da Ferraría
VELORIO INFAUSTO: Cabodano das honras fúnebres do fenecido Ravachol Praza da Ferraría Procederase á incineración do finado. Na súa honra terá lugar unha sentida coroa fúnebre, cun espectáculo necrolóxico.
Programa:
1o Introito coa lectura dunha elexía para o finado
2o Os de Algures e Coro Vindrel
3o Celme, danza da morte
4o Saeta Val do Lérez
5o Incineración do loro Ravachol