O autor confeso do crime de Ponte Caldelas, á Garda Civil: "Pesará sobre su conciencia. Yo me quedo tranquilo, me quedo en paz"

Pontevedra
15 de outubro 2019

O xuízo contra Marcos Vidal encara este mércores a súa recta final coa declaración de forenses e peritos e, a continuación, os membros do xurado deberán  deliberar. O fiscal atribúelle un delito de asasinato con aleivosía e solicita unha pena de 20 anos de prisión 

Marcos Vidal, autor confeso do crime de Ponte Caldelas, na segunda sesión do xuízo Cristina Saiz

"Pesará sobre su conciencia. Yo me quedo tranquilo, me quedo en paz". Así se expresou Marcos Vidal, autor confeso do coñecido como crime de Ponte Caldelas ante dous axentes da Garda Civil. Tras matar a coiteladas ao marido da muller coa que tivera unha relación, chamou ao 112 para confesar e entregarse. 

Cando xa estaba detido, dixo esa frase a dous gardas civís que o trasladaban á Comandancia de Pontevedra, en clara alusión á súa ex e esposa do falecido, e tamén lles dixo que esperara na porta da casa da súa ex a ver se saía alguén coa idea de que se había alguén, que o mataba. Saíu o logo falecido, forcexearon e acoitelouno cunha navalla que lles entregou.

Os dous axentes relataron esa confesión este martes durante a segunda sesión do xuízo contra Marcos Vidal que se está celebrando na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra. Ambos pertencen ao cuartel de Fornelos de Montes e foron alertados o día do crime, o 28 de novembro de 2015. Primeiro foron á vivenda da rúa México de Ponte Caldelas por un aviso dunha liorta, pero non puideron entrar e, estando alí, avisáronos de que o presunto asasino estaba na zona do paseo fluvial da Calzada, onde se entregou de forma voluntaria. 

Durante a segunda sesión do xuízo, pasaron ante o tribunal popular que xulga os feitos unha vintena de testemuñas, entre eles varios gardas civís que interviñeron na investigación e coñecidos tanto do autor confeso do crime como da súa vítima, Manuel Rivas, e a súa agora viúva, Sandra Martínez Araújo.

Entre quen pasou pola sala de vistas estaba un detective privado contratado polo falecido. Explicou que Manuel pediulle que o acompañase "por seguridad" e relatoulle que a súa esposa tiña unha relación con Marcos Vidal e sentíase "totalmente ameazado" por el. A pesar de que ela negou esa relación durante a súa declaración no xuízo este luns, o detective confirma que el puido corroborar que estaba "clara" á vista dunha serie de mensaxes de móbil.

Un especialista da Garda Civil analizou esas mensaxes de móbil e, en xeral, toda a actividade dos teléfonos do acusado, a vítima e a súa viúva e indicou que Marcos Vidal e Sandra Martínez "hablaban todos los días a todas horas" tanto a través de chamadas como de mensaxes de whatsapp e que unhas veces iniciaba el a conversa e outras ela. Este detalle contradi as afirmacións realizadas pola muller durante a súa declaración como testemuña, pois asegurou que adoitaba responderlle con monosílabos e que o chamaba porque el esixíallo. 

Este garda civil atopou no teléfono de Manuel Rivas unha foto que lle fixeron cando xa estaba tirado na cama tras recibir unha vintena de coiteladas, imaxe que presuntamente tomou Marcos Vidal e enviou por mensaxe a Sandra Martínez. No móbil do autor confeso do crime atopou dúas fotos que lle chamaron a atención, ambas as dúas de abril de 2015, medio ano antes do crime: unha de Sandra durmida e outra de Sandra e Marcos xuntos

A análise dos teléfonos tamén revelou que nos días previos a estes feitos Sandra pedíalle cada mañá ao seu marido que lle dese un "ok" á hora na que saía de casa para traballar. Segundo o relato da muller, debíase a que se sentían ameazados polo acusado e o seu marido confirmáballe desta forma que saía de casa e estaba ben. O día do crime pediulle ese ' ok', pero nunca chegou

O tribunal de xurado que deberá decidir se Marcos Vidal é autor dun delito de asasinato con aleivosía e asañamennto por matar a puñaladas a Manuel Rivas tamén escoitou este martes a unha psicóloga que atendeu a Sandra un ano antes, entre setembro e novembro de 2014, e que asegurou que a vía como unha vítima de violencia de xénero que sufría dano psicolóxico por parte do acusado

Esta especialista relatou que a agora viúva acudiu á súa consulta porque sufria ansiedade dado que Marcos non aceptaba a ruptura da relación que mantiveran meses antes e que ela percibiu que tiña unha "ambivalencia emocional cara a el", pois tanto sentía amor como odio. A relación terminouse e, segundo relatou á psicóloga, non quería retomala, pero si que tiña estes "sentimientos contradictorios". En todo caso, asegura que "su calidad de vida estaba mermada por la existencia de Marcos", que a acosaba. 

Segundo lle trasladou, tíñalle "miedo", pero non o denunciou, segundo a súa interpretación, por esa ambivalencia emocional. Ademais, engadiu que a viúva, naquela tempada na que acudiu á súa consulta, díxolle que vivía soa e xa non tiña relación co seu marido, ao que deixara pola relación con Marcos, pero tampouco con este último.

Tamén prestou declaración un psicólogo que atendeu a Marcos durante varios meses entre 2014 e 2015. A propia Sandra buscoulle ese psicólogo para que o axudase. Presentaba un trastorno ansioso depresivo porque non aceptaba a ruptura. Segundo o especialista, ademais de estar depresivo e sen ganas de vivir, cando vivía situacións de frustración, tiña episodios de ira que quería aprender a manexar. 

Tras varias sesións, notoulle melloría. Ademais, constatou que estaba a recibir atención psiquiátrica no Sergas e tomaba medicación.

Outra especialista, neste caso en psiquiatría, relatou que atendeu a Marcos tras o crime porque sufriu un ataque de ansiedade nos calabozos, pero, cando ela o viu, xa estaba máis tranquilo e confesoulle o que fixera. Días despois, acabou ingresado en Psiquiatría. Esta psiquiatra tamén atendeu a Sandra tras o crime cunha crise de angustia. 

O xuízo contra Marcos Vidal encara este mércores a súa recta final coa declaración de forenses e peritos e, a continuación, os membros do xurado deberán deliberar. O fiscal atribúelle un delito de asasinato con aleivosía e solicita unha pena de 20 anos de prisión, a prohibición de achegarse á viúva durante 25 anos e unha medida de liberdade vixiada durante oito anos máis. As acusacións particulares que exercen os seus pais e a súa viúva piden 20 e 25 anos por asasinato e o seu avogado defensor reduce a acusación a homicidio.