O ámbito de Sálvora, o lugar elixido para os lodos do dragado do Lérez

Pontevedra
25 de outubro 2022

Catro foron, a este respecto, os temas tratados polo presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra en materia ambiental: a ansiada dragaxe do río Lérez, a rexeneración ambiental da Xunqueira de Alba, o saneamento da ría e o proceso para renaturalizar o río Gafos

Lodos na zona do Club Naval de Pontevedra Nacho Fuentes

As cuestións ambientais, a partir de varios proxectos pendentes en Pontevedra, foron abordadas na reunión que este martes mantiveron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Catro foron, a este respecto, os temas tratados por ambos os dirixentes: a ansiada dragaxe do río Lérez, a rexeneración ambiental da Xunqueira de Alba, o saneamento da ría e o proceso para renaturalizar o río Gafos.

Respecto do primeiro deles, Rueda insistiu en que o problema "non é económico", xa que a Xunta dispón do diñeiro necesario para abordar esta actuación. A cuestión, sostivo o presidente, é onde depositar as "enormes cantidades" de lodos que se retirarán.

Tras descartar a primeira elección, un punto situado a uns 5 quilómetros da illa de Tambo, a Xunta decántase polas inmediacións da illa de Sálvora, na entrada da Ría de Arousa, aínda que recoñece que a tramitación ambiental "é moi complexa".

O Goberno estatal, que é o que deberá autorizar esta vertedura, esixe que se fagan novos estudos ambientais para garantir que depositar eses lodos non danará o medio ambiente.

O de Sálvora, reiterou Alfonso Rueda, "é o unico punto alternativo", lembrando que non é a primeira vez que se utilizaría para depositar materiais similares.

Esta actuación busca complementar o saneamento da ría, no que a Xunta prevé investir ata 80 millóns de euros, dos cales 16,5 millóns foron para a reforma da EDAR e outros 12,1 millóns para a construción do novo emisario submarino.

XUNQUEIRA DE ALBA E RÍO GAFOS

Para recuperar a Xunqueira de Alba, retirando diferentes edificacións que hai na zona, a Xunta de Galicia comprometeuse a buscar "alternativas" para trasladar as súas instalacións, para o que pediu a colaboración do Concello.

"É unha zona que ten que acabar recuperándose", sostivo Rueda, que confía en que a administración municipal lles axude para facilitar todo este proceso.

Por último, ademais de avanzar en sanear o río Gafos de maneira integral, Concello e Xunta estudan impulsar un proxecto para estender o paseo fluvial actual, ampliando o seu trazado desde a estación de autobuses cara a Tomeza.

O goberno municipal, indicou Fernández Lores, redactará o proxecto e asinará coa administración autonómica un convenio para abordar a obra.