O actor Pedro Alonso, "orgulloso" padriño do Banco de Alimentos para "reconectar con las cosas que importan"

Pontevedra
03 de novembro 2021

O actor visitou a sede do banco pontevedrés e recoñeceu a implicación persoal que para el ten este xesto na súa terra, pois a súa infancia pasouna entre Vigo e Pontevedra, onde viviu ata os sete anos. Pediu a participación na Gran Recollida, pois "cualquier mínimo esfuerzo para hacer más sólida esta cadena de solidaridad revierte en uno mismo"

Pedro Alonso, no Banco de Alimentos de Pontevedra PontevedraViva

Opina Pedro Alonso que é importante que a xente teña confianza para animala a realizar doazóns, que se ve que se fai, como se fai e quen o fai, se presencia exemplos e chégalle o boca a boca de persoas que lle dan familiaridade, a campaña será un éxito. 

Haberá que esperar aínda varias semanas para saber se está no certo, pero, de momento, el xa gañou o recoñecemento de todos os voluntarios e responsables do Banco de Alimentos de Vigo e Pontevedra e puxo un importante gran de area para que a nova Gran Recollida Solidaria sexa un éxito. 

Cunha ampla experiencia no mundo televisivo e unha fama que explotou por mor do éxito de La Casa de Papel, este ano será embaixador de excepción da Gran Recollida, que  se celebrará do 19 ao 25 de novembro en supermercados de toda a provincia e manterá o mesmo formato virtual de 2020.

Xa non se realizarán entregas físicas de alimentos en man, senón que se poderán facer donativos ao pasar por caixa ou achegas económicas a través de transferencias ou de Bizum seguindo as indicacións recollidas na web www.bancoalimentosvigo.org.

Este martes visitou a sede do banco pontevedrés na rúa Faustino Santalices e, co peto que o identifica como voluntario da entidade que lle entregaron horas antes en Vigo, non tivo ningún reparo en remangarse e axudar a preparar un dos pedidos con alimentos e outros elementos non perecedoiros que o banco repartirá entre a poboación en situación de maior necesidade.

A continuación, confirmando a familiaridade e proximidade que demostrou durante toda a visita, mesmo colleu coa súa propia man o micrófono de Canal Rías Baixas para trasladar á poboación unha petición de solidariedade.

O actor, natural de Vigo, recoñeceu a implicación persoal que para el ten este xesto na súa propia terra, pois a súa infancia pasouna entre Vigo e Pontevedra, onde viviu ata os sete anos. Hai máis dun ano que entrou en contacto coa entidade e agora prestou a súa imaxe para dar visibilidade á Gran Recollida, tan importante este ano porque  "es evidente que vivimos en un momento muy delicado, muy sensible".

"Soy de aquí, viví aquí, emocionalmente mi familia está aquí", indicou, de modo que "decididamente" significa máis colaborar co banco pontevedrés que con calquera outra cidade. Asegura que "implica más de lo que parece", ten un valor engadido que supón volver ás súas raíces e o lugar no que se criou. 

A propia colaboración xa lle enche e, aínda que na entidade non pararon de agradecerlle a súa participación, cre que é el quen ten que dar as grazas.  "El que recibe el regalo y se siente honrado de estar aquí son yo", respondeulle a Iván Martínez, novo vicepresidente do Banco de Alimentos de Vigo e Pontevedra, que non soubo como agradecer con palabras que se prestase a ser o padriño da edición 2021 e poñer a súa cara e fama ao servizo da entidade. 

A ninguén se lle escapa que un actor cunha gran proxección a nivel internacional e que ten tan só en Instagram 9,1 millóns de seguidores resulta un empuxón fundamental para dar a coñecer a iniciativa, pero asegura que é el quen sente "orgulloso" e "agradecido" de poder poñer o seu granito de area, pois é "una muy buena forma de reconectar con las cosas que importan".

Tras participar no xesto simbólico de preparar un dos pedidos do Banco, confesou que cando hai un ano o chamaron para colaborar sentiu que tiña que facelo, por axudar aos demais e "básicamente, para recibir yo". Ademais, non se lle escapou o momento crucial no que nos atopamos, pois. "siempre hay gente que necesita cosas, pero la pandemia ha puesto en valor que le puede pasar a cualquiera".  

Ademais de agradecer o traballo de todo o voluntariado que durante todo o ano traballa para atender as necesidades da poboación máis necesitada, Alonso animou á poboación a realizar as súas doazóns e puxo como exemplo o ocorrido en 2020, un ano de pandemia no que aumentou un 25% a demanda de alimentos e tamén se logrou un récord de recadación. Demostra que "no todas las noticias son malas"..

"Creo que es imprescindible que entre todos hagamos un esfuerzo por poner un grano de arena para que la sociedad se parezca un poco más a la que queremos", arengou, recordando que "cualquier mínimo esfuerzo para hacer más sólida esta cadena de solidaridad revierte en uno mismo". 

Se hai unha mensaxe na que insistiu foi en dar máis importancia á confianza que pode xerar o boca a boca ou unha cara familiar como imaxe da campaña que á súa proxección en redes sociais. "A veces eso es humo, yo creo que en el persona a persona. Para que seas eficaz, hace falta gente concreta".