A Garda Civil detivo na mañá deste venres a nove persoas no marco dun novo operativo contra o trapicheo de droga no barrio chabolista do Vao de Arriba, en Poio.
Entre as dez e media da mañá e a unha do mediodía, medio centenar de axentes realizaron varios rexistros no poboado e, segundo confirmaron fontes oficiais, producíronse esas nove detencións. A todos eles atribúenselles delitos contra a saúde pública por venda e distribución de drogas.
En concreto, realizáronse seis rexistros en distintas casas e alpendres do poboado e incautáronse diversas cantidades de cocaína, heroína e haxix dispostas para a venda, ademais de xoias e diñeiro en efectivo.
A operación, que foi coordinada pola compañía da Garda Civil de Pontevedra, contou coa colaboración doutras unidades, como a USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia de Pontevedra).
Ademais, durante tres horas da mañá deste venres sobrevoou O Vao e os seus arredores o helicóptero do instituto armado con base en Coruña, e despregáronse tamén efectivos do servizo cinolóxico con cans adestrados na procura de drogas.
A última operación contra a venda de droga polo miúdo no Vao, que supuxo a detención de trece persoas e a incautación de diferentes cantidades de estupefacientes, rexistrouse o pasado mes de decembro no mesmo grupo de chabolas no que se desenvolveu a deste venres.