'Mulleres da vila' dá relevancia ás empresarias do comercio local

Pontevedra
10 de marzo 2022

Yoya Blanco, concelleira de Igualdade, visitaba este xoves varios dos 15 establecementos que participan no proxecto para manter conversas coas mulleres fotografiadas dentro desta campaña promovida con motivo do 8M 

Yoya Blanco, concelleira de Igualdade, observa unha das fotos da campaña 'Mulleres da vila' PontevedraViva

Ao longo dun mes desenvólvese en 15 comercios de Pontevedra unha campaña denominada 'Mulleres da Vila', a segunda edición dun proxecto que quere dar protagonismo a emprendedoras de Pontevedra con motivo da celebración do 8M.

É o caso de Lupe Boullosa, a encargada da Mercería Lembranzas na pasarela José Adrio. Alí recibía esta xoves a visita da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, acompañada pola promotora desta iniciativa, Patricia Maquieira. A veterana empresaria amosábase moi orgullosa da súa imaxe, que forma parte da campaña.

Yoya Blanco sinalaba que Lupe representa ás mulleres emprendedoras que levan moitos anos á fronte dun comercio, compatibilizando o seu traballo con actividades familiares. A concelleira destacaba a importancia deste tipo de negocios locais, aos que se pode chamar para pedir aquilo que se necesita expresamente, algo que "non dá ningunha cadea". 

Lupe Boullosa leva 33 anos á fronte da mercería. Viu a evolución da zona, desde que estaba sen cubrir a vía e "había ratas por todas partes" ata a actualidade coa pasarela. Ela amósase feliz coa foto que estes días adorna o escaparate do seu negocio e sinala que tanto a realización da foto como do vídeo que acompaña o proxecto foi moi emotiva: "ata botamos unha bágoa lembrando algunha cousa. Moitas vivencias hai aquí".

Recoñece que o mercado da internet está a asoballar ao pequeno comercio pero móstrase optimista porque "ás pezas da internet tamén se lles cae un botón ou se lles rompe unha cremalleira e para iso estamos nós". 

Nuria Nerga, responsable dun Salón de Uñas na rúa Pintor Laxeiro, tamén se mostraba encantada pola iniciativa e así llo transmitía á concelleira. A nova empresaria fai un chamamento ás mulleres para que sempre estean a se formar para poder sobrevivir no mercado empresarial. Ademais, animaba ás emprendedoras a "perseverar" e a "seguir loitando" para permanecer.

A fotógrafa Patricia Maquieira, promotora deste proxecto, sinalaba que esta iniciativa é unha homenaxe ás mulleres empresarias, para tratar as súas historias e ofrecelas nun vídeo no que narran as súas vivencias persoais, mostran as súas calidades e ofrecen consellos a outras mulleres que queiran emprender unha actividade empresarial. Para esta proposta seleccionáronse tanto emprendedoras veteranas como mozas e de diferentes sectores dentro do comercio local.