O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou este martes que o Executivo que preside Pedro Sánchez "aposta polo Cambados do futuro" con investimentos dun total de 7 millóns de euros en accións de turismo sostible, eficiencia enerxética, seguridade cidadá, dixitalización e mellora dos servizos públicos.
José Miñones desprazouse este martes ata Cambados onde supervisou, xunto co alcalde, Samuel Lago, as actuacións impulsadas polos distintos ministerios nesta vila, e puxo en valor que o Goberno deEspaña é "a administración que máis inviste en Cambados".
Acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o delegado achegouse ata o mirador da Barca, onde presentou as actuacións que se desenvolverán en Cambados dentro do Plan de Sostibilidade Turística Camiño do Mar de Arousa. O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, financia este plan, promovido pola Mancomunidade de Municipios do Salnés, co obxectivo de converter esta zona en destino turístico de referencia, sostible e competitivo apoiado en medidas de eficiencia enerxética e dixitais.
O delegado do Goberno apuntou que o Plan contempla en Cambados actuacións por máis de 100.000 euros para acondicionar e poñer en valor a variante espiritual do Camiño Portugués a Santiago e a Ruta do Padre Sarmiento.
En canto á obra do cuartel da Garda Civil de Cambados, que foi adxudicada polo Ministerio do Interior en 6,5 millóns de euros, o delegado do Goberno avanzou que a construción comezará nos vindeiros meses. "Cambados albergará un dos cuarteis da Garda Civil máis modernos de España e máis grandes de Galicia, onde operarán máis de 60 axentes", indicou.
Ademáis do Cuartel, o Goberno, neste caso o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social, avanza no proxecto de remodelación da Casa do Mar, coa formalización do contrato do servizo de dirección facultativa e da dirección de execución da obra, necesarios para executar a actuación.
O delegado sinalou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico impulsará tamén a eficiencia enerxética das instalacións públicas municipais de Cambados. Será a través dunha subvención de 200.000 euros coa que o Concello afrontará a renovación de 550 puntos do alumeado público municipal e colocará placas fotovoltaicas nas piscinas municipais e iluminación LED no campo de fútbol.
A estas iniciativas sumou que o Goberno executará 28 proxectos para levar a banda ancha de última xeración ata máis de 168 vivendas e empresas desta vila.