Lores presumirá de modelo de cidade en Guimaraes

Pontevedra
24 de xaneiro 2016

O alcalde está convidado a participar en nome do Concello na conferencia internacional  'Como construír unha cidade verde'. A Cámara de Guimarães organiza esta conferencia dentro da súa candidatura de Capital Verde Europea 2020 e inclúe unha mesa de 'Boas prácticas ambientais' na que convidou a participar a Pontevedra, Estocolmo (Capital verde 2010) e Vitoria (Capital verde 2012)

Guimarães

O modelo de cidade posto en marcha por Pontevedra e multipremiado chegará este luns ata a localidade portuguesa de Guimarães da man do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, convidado a participar en nome do Concello na conferencia internacional 'Como construír unha cidade verde'.

A Cámara Municipal de Guimarães organiza esta conferencia dentro da súa candidatura de Capital Verde Europea 2020 e inclúe unha mesa de 'Boas prácticas ambientais' na que convidou a participar a Pontevedra, Estocolmo (Capital verde 2010) e Vitoria (Capital verde 2012). A intervención de Lores leva por título 'Pontevedra, un modelo centrado nas persoas'.

Esta visita do alcalde á vila porguesa, na mañá deste luns 25 de xaneiro, chega despois de que unha delegación de políticos e técnicos municipais da Cámara de Guimarães realizase o pasado mes de novembro unha vista a Pontevedra para coñecer o modelo de cidade co obxectivo de obter información e solucións que inspirasen a transformación que nestas datas está a vivir a cidade de Guimarães para o goce dos seus veciños e co obxectivo de poder facerse co galardón de Capital Verde Europea 2020.

En relación coa conferencia internacional, a Cámara de Guimarães informa na súa páxina web que o xefe da Capital Verde Europea 2010 en Estocolmo, Gunnar Söderholm, e o coordinador da Capital Verde Europea en 2012 en Vitoria, Luís Andrés Orive, presentarán os modelos de boas prácticas que leva as súas respectivas cidades para obter o premio ambiental ademais de abordar temas relacionados co futuro do desenvolvemento urbano. A reunión tamén contará coa presenza do prestixioso investigador da Universidade de Sudáfrica Jane Carruthers, catedrático e autor de importantes libros sobre a sustentabilidade do medio ambiente.

O presidente da Escola da Universidade de Ciencias de Minho, Estelita Vaz, protagoniza un discurso sobre o papel da "Universidade na construción dunha cidade máis verde". Sobre a participación de Pontevedra destacan que é un cidade premiada en 2015 pola ONU e a súa transformación da mobilidade urbana nos últimos anos, durante os cales "o espazo urbano está a adaptarse co fin de eliminar o tráfico de automóbiles no seu centro histórico".