Lores, desde Cádiz: "As cidades aínda son almacéns de coches, espazos agresivos, perigosos, que expulsan ás persoas"

Pontevedra
07 de marzo 2020

O alcalde de Pontevedra foi un dos protagonistas este venres do Congreso Anual da Rede de Cidades que Camiñan celebrado en Cádiz 

Miguel Anxo Fernández Lores, no congreso anual da Rede de Cidades que Camiñan Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presidente da Rede de Cidades que Camiñan, foi un dos protagonistas este venres en Cádiz no congreso anual deste organismo supramunicipal.

Na inauguración da xornada, na que Lores estivo acompañado polo alcalde de Cádiz, José María González 'Kichi' e o reitor da universidade gaditana, o rexedor pontevedrés defendeu que a Rede de Cidades que Camiñan poida ter cada vez maior influencia nas políticas estatais que fixan as normativas de mobilidade, "pero non só a nivel da DXT, senón tamén dos ministerios restantes como o de Fomento, o de Transición Ecolóxica ou o de Sanidade, porque a calidade de vida nas cidades abrangue moitísimos aspectos", sinalou.

Ademais na súa intervención reiterou que "estamos aquí porque las ciudades aún son almacenes de coches, espacios agresivos, peligrosos, que expulsan a las personas".

Xunto a Lores participaron no congreso o deputado provincial de mobilidade, Uxío Benítez, e o director xeral de seguridade do Concello, Daniel Macenlle, defendendo as características do modelo implantado en Pontevedra.

O xoves, tamén en Cádiz, xa se celebrara a asemblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan, na que participaron representantes de 46 localidades.