José Flores, xerente da área sanitaria: "Os contratos que temos hoxe aquí son os mellores que se poden ofrecer"

Pontevedra
02 de decembro 2022

O máximo representante da área de Pontevedra-O Salnés insistiu este venres en que non hai ningún médico de familia que non vaia ter un contrato de longa duración ou unha interinidade. Recoñece que a curto prazo non haberá unha solución definitiva nin se reestruturarán centros de saúde nin PAC. Anuncia que continuarán a ofertarse prazas estables no futuro para que os médicos "non vaian a outras zonas a traballar"

Recollida de sinaturas en Marín durante esta semana reclamando melloras na Atención Primaria Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

Ante as últimas protestas sanitarias cunha manifestación e recollida de firmas ao longo desta semana demandando médicos na Atención Primaria, o xerente da área sanitaria José Flores volvía responder este venres que "temos un déficit de profesionais de medicina familiar e comunitaria. Non é escusa pero é a realidade", para engadir que este problema rexístrase en toda Galicia, en España e noutros puntos do territorio europeo.

Indicou que se están cubrindo nos distritos de Pontevedra e O Salnés prazas que estaban vacantes, co chamamento para establecer os vínculos de médicos de familia na área a través de interinidades. "Todos os médicos que queiran traballar van ter un contrato de longa duración ou unha interinidade. Non hai contratos menores", aclarou o xerente ante as críticas dos diferentes colectivos e explicou que se está tentando achegar estabilidade dentro do que permite a administración pública.

Neste sentido, engadiu que se cubriron prazas médicas nos PAC de Cerdedo, Cambados e A Parda nos últimos días. Sinalou que se incorporaron nove profesionais en atención ordinaria e desde Recursos Humanos están a facerse chamamentos para a incorporación de máis facultativos. Flores explicou tamén que seguirán realizando este tipo de vinculacións cos médicos residentes e que se incorporaron 22 médicos que obtiveron praza na última OPE de concurso de médicos.

"Os contratos que temos hoxe aquí son os mellores que se poden ofrecer", expuxo para insistir en que o obxectivo é ofertar prazas estables para que os médicos "non se vaian a outros sitios para traballar".

Como previsión sinala que "na Atención Primaria esperamos que dentro duns anos teñamos unha situación mellor. A curto prazo non haberá unha solución definitiva". Advertiu da necesidade de crear especialidades de Medicina de Urxencias e Emerxencias para que non exista competencia na oferta de prazas cos postos de medicina familiar.

Tamén rexeitou que se estea acometendo un estudo para reestruturar os PAC e centros de saúde da área sanitaria, tal e como demandaban desde o Colexio de Médicos de Pontevedra. "A Consellería defende que se manteñan os puntos de atención, tanto de atención ordinaria como continuada, e sigan prestando atención sanitaria xa sexa con consulta de enfermería ou médica", explicou José Flores.

CURSOS DE FORMACIÓN DE ENFERMERÍA

O xerente admitiu tamén que os cursos de formación para profesionais de enfermería continúan desenvolvéndose esta semana con moi boa acollida. Flores indicou que son cursos que o Sergas ten que ofertar obrigatoriamente e que se ofrecen de maneira sistemática.

Neste caso "coincidiu co momento crítico cos PAC sen médico" e entenden que esta formación é necesaria para que o persoal de enfermería poida atender algún paciente nunha situación crítica para recoñecela e actuar correctamente.

"Non ten nada que ver con se vai haber médicos ou non. Nós imos tentar colocar médicos en todos a PAC como é lóxico porque queremos os equipos completos", engadiu sinalando que a súa intención é corrixir a situación actual e que en todos os Puntos de Atención Continuada conten con persoal médico e de enfermería.