Jorge Cubela: "Cantos accidentes e falecidos ten que haber para que non se nos acuse de oportunismo político?"

Cerdedo-Cotobade
13 de xaneiro 2023

O accidente mortal dun motorista rexistrado este venres na estrada N-541 en Tenorio volve traer ao recordo de todos o grave sinistro dun autobús en Noiteboa en Pedre, na mesma estrada e municipio de Cerdedo-Cotobade, e aviva a polémica xurdida nas últimas semanas sobre a seguridade desta vía estatal

Maica Larriba e Jorge Cubela, no lugar do accidente Subdelegación do Goberno

O accidente mortal dun motorista rexistrado este venres na estrada N-541 en Tenorio volve traer ao recordo de todos o grave sinistro dun autobús en Noiteboa en Pedre, na mesma estrada e municipio de Cerdedo-Cotobade. Tamén do alcalde, Jorge Cubela, que manifestou en nome da Corporación municipal o seu "máis profundo pesar" polo falecemento deste veciño de Marín de 52 anos.

Pero ademais de resucitar o recordo dos tristes sete falecementos de Noiteboa, tamén aviva a polémica xurdida nas últimas semanas sobre a seguridade desta vía estatal. 

Esta semana, alcaldes de sete municipios do interior polos que pasa a N-541, co apoio das cidades de Pontevedra e Ourense, crearon unha fronte común para esixir ao Goberno a reforma integral da N-541 e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, acusounos de "oportunismos políticos"

Agora, tras este novo falecemento deste venres, Cubela pregúntase "cantos accidentes e falecidos ten que haber para que non se nos acuse de oportunismo político?".

Jorge Cubela mostrou a súa total solidariedade coa familia e amigos do motorista sinistrado e púxose á súa total dispoñibilidade para o que consideren oportuno, ao mesmo tempo que agradeceu novamente aos servizos de emerxencia a súa actuación "profesional e dilixente" para intentar salvarlle a vida.

Arquivado en