Histeria colectiva en Pontevedra a pesar de que supermercados e estancos permanecen abertos

Pontevedra
14 de marzo 2020
Actualizado: 20:22

Despois de que o presidente do goberno, Pedro Sánchez, decretase o estado de alarma para frear a propagación do coronavirus, a histeria apoderouse da poboación pontevedresa e do resto de comunidades autónomas

Establecementos e supermercados de Pontevedra ante o avance do coronavirus
Establecementos e supermercados de Pontevedra ante o avance do coronavirus / Diego Torrado

Despois de que o presidente do goberno, Pedro Sánchez, decretase o estado de alarma para frear a propagación do coronavirus, a histeria apoderouse da poboación pontevedresa e do resto de comunidades autónomas.

Colapso, escaseza de alimentos e colas interminables son a imaxe destes días nos supermercados de Pontevedra onde a xente non para de realizar compras compulsivas coma se os produtos fosen acabar para sempre.

Nalgúns, como os da Avenida de Vigo ou da rúa Echegaray, púidose ver que para acceder é necesario esperar ao redor dunha hora fóra do establecemento para evitar as aglomeracións no interior que, pola contra, nalgunhas ocasións están a producirse fóra. 

Pero, como en todo, hai unha cara e unha cruz. Por mor das restricións e das medidas sanitarias impostas pola Xunta, nalgúns locais pontevedreses como panaderías e tendas de pequeno tamaño, púidose ver que hai carteis de 'aforo limitado' para reducir ao máximo o contacto entre cidadáns, non só no interior senón nas colas. Ademais, os traballadores de fronte ao público están a utilizar máscaras e luvas protectoras ao atoparse en primeira liña de exposición do virus.

Estas son algunhas das escenas que están a suceder desde que se anunciou o estado de alarma e desde que se declarou a situación de emerxencia sanitaria en Galicia polo avance do COVID-19, pero o que máis chama a atención, é a compra excesiva e inexplicable de papel hixiénico, véndose escenas de carriños da compra repletos ata arriba e andeis de produtos sanitarios como xeles e desinfectantes baleiros.

En cuestión de días, o caos apoderouse da poboación pontevedresa empezando a formar parte deles como viña ocorrendo noutras cidades, a pesar de que tanto tendas de alimentación, como panaderías, fruterías, estancos e farmacias permanecerán abertos prestando o seu servizo con total normalidade garantindo a reposición dos produtos.

É por iso, que desde o Concello de Pontevedra fan un chamamento á tranquilidade a veciños e veciñas para que sexan responsables e realicen un consumo racional e normal dos alimentos.

Así mesmo, piden responsabilidade para evitar aglomeracións e solidariedade co traballo dos profesionais da alimentación que estes días "están a realizar un labor social sen precedentes".

A masiva afluencia aos supermercados, entende o Concello, consegue o "efecto contrario" ao que se pretende con estas medidas restritivas, xa que supón un "risco" para a poboación ao provocar que haxa unha "gran cantidade" de xente a "escasa distancia".

Doutra banda, a Policía Local, ao dispor da Policía Nacional, está a traballar para controlar as aglomeracións nos centros de compra de alimentos da cidade e regula a recollida de alimentos no Comedor de San Francisco, que se atopa pechado pero entrega fiambreras ante a ausencia de voluntarios.

Segundo fontes policiais, numerosos establecementos chamaron tanto pola noite como polo día solicitando información sobre se podían abrir ou non, e os que abriron e non podían, foron pechados. En canto ás incidencias, non se rexistrou ningunha importante salvo á primeira hora da mañá á entrada de supermercados da Avenida de Vigo e de  Pasarón.