Falecen cinco homes por covid-19 na área sanitaria nas últimas 48 horas, tres deles con menos de 60 anos

Pontevedra
10 de febreiro 2021

A Consellería de Sanidade notifica este mércores 10 de febreiro o falecemento de 23 persoas en Galicia. As cinco mortes na área sanitara de Pontevedra e O Salnés elevan a 135 o número de vítimas do virus nesta zona desde que se teñen rexistros das mortes ocasionadas pola pandemia

Ambulancias no Hospital Montecelo Mónica Patxot

135 vítimas leva ás súas costas a enfermidade do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, despois de que a Consellería de Sanidade notificase este mércores 10 de febreiro cinco falecementos como consecuencia do virus nas últimas 48 horas.

O martes 9 morría un home de 55 anos, no Hospital do Salnés, e outro de 59 anos no Hospital Montecelo. Xunto a eles, tamén perdían a vida un home de 78 anos, no Hospital do Salnés e outro de 85 anos nas dependencias de Montecelo no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

E este mércores 10, nos datos facilitados ata o momento por Saúde Pública, falecía outro home, de tan só 53 anos, no Hospital Montecelo debido ao virus. Estas mortes súmanse á de dúas mulleres, notificadas a primeiras horas desta xornada, que falecían tamén durante as últimas horas, con 82 anos e 88 anos, no Hospital Montecelo e no Salnés.

Segundo a Consellería de Sanidade, todas estas persoas contaban con outras enfermidades previas a contraer covid-19. Nas últimas xornadas detéctase, con máis frecuencia, a presenza de pacientes con idades comprendidas por baixo dos 70 anos.

GALICIA: 2039 MORTES POR COVID-19

Sanidade notifica esta xornada un total de 23 persoas falecidas en Galicia, entre as que se atopan as cinco vítimas da área sanitaria. 

Desta forma, informa de mortes por covid que se confirmaron este mércores como é o caso dun home de 80 anos que perdía a súa vida no seu domicilio de Ourense o 2 de febreiro do mesmo xeito que a dun home de 85 anos, falecido na súa vivenda en Narón, na área sanitaria de Ferrol.

O martes 9 perdían a vida unha muller de 87 e un home de 91 no Complexo Hospitalario de Ferrol (CHUF); un home de 91 no Complexo Hospitalario de Santiago; dous homes, de 65 e de 78 anos e unha muller de 78, no Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC); ademais dunha muller de 91, no seu domicilio de Teo na área sanitaria de Santiago de Compostela.

Segundo o SERGAS, este xoves, ademais do home de 53 anos falecido en Montecelo, morrían dous homes máis na provincia, de 90 e 92 anos no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; unha muller de 81 anos, no Hospital privado HM Modelo-Belén da Coruña; dous homes de 84 e 87 no CHUAC, un deles procedente da residencia DomusVI de Carballo; dúas mulleres, de 93 e 87 anos no CHUF, a primeira procedente da residencia 'Mi casa' de Ferrol; un home de 82 anos, no Hospital da Mariña de Burela.

En todos os casos tamén constaban patoloxías previas nos seus cadros médicos, aínda que as súas mortes producíronse como consecuencia do coronavirus. Galicia xa suma 2039 mortes producidas por covid-19.