Emenda á totalidade do PP aos orzamentos municipais por fomentar a desigualdade e o machismo

Pontevedra
03 de febreiro 2020

Rafa Domínguez, voceiro do grupo municipal do PP, critica que nos orzamentos se recollan as catro direccións xerais ocupadas todas por homes. E afirma que diminúe a renda social e as axudas a entidades sociais. Alerta, ademais, de que non se recollen novos investimentos nin novas obras

Gerardo Pérez Puga e Rafa Domínguez, do Partido Popular PontevedraViva

O Partido Popular presentou este luns unha emenda á totalidade aos orzamentos municipais para este 2020. Rafa Domínguez, portavoz do grupo do PP, explicaba que estes orzamentos se presentan con atraso pola loita de poder entre os dous partidos que ocupan o goberno municipal, BNG e PSOE

Para Domínguez, aos dous partidos do goberno preocúpanlles máis as cuestións "políticas" que os temas que realmente afectan á cidadanía. Nesta liña, indicou que se trata da primeira vez, desde que ocupa cargo de concelleiro, en que o goberno non fai partícipe ás asociacións nin ao Consello Económico e Social (CES) na elaboración das partidas económicas.

O representante do PP sostén que o seu grupo non pode apoiar uns orzamentos nos que se favorece a desigualdade e o machismo. Domínguez lamenta que os catro cargos de "directores xerais" estean ocupados por homes cando "se puido facer máis" para que as mulleres se incorporaran a estes postos, afirmou. Ademais, considera que o incremento no gasto corrente en 1,4 millóns se debe á creación destes postos de dirección xeral e aos "mestres composteiros".

Ademais, criticou que se diminúa a renda social e as achegas ás entidades sociais mentres se dispara a recadación do IBI afirmando que o "catastrazo" será soportado principalmente polas parroquias do municipio, que cualificou como "as grandes esquecidas"

Afirmou que gran parte das casas do rural continúan sen saneamento, non se contemplan partidas para o transporte urbano e considera que o transporte a demanda é "unha gran mentira" porque, a pesar de que se incluíu no últimos cinco presupostos municipais, nunca se lle destinou un euro.

As críticas centráronse tamén no apartado de deportes ao non contemplarse novas instalacións deportivas, agás o pavillón da Parda, e continuar as débedas con distintos clubs do  Concello. Por outra banda, Domínguez lamenta que non se destine unha cantidade orzamentaria á creación de emprego nin a mellorar o tráfico ou a crear aparcamentos.

Segundo apuntou, o informe de Intervención fai un cálculo no apartado de investimentos que se sitúa en 3.575.648 euros sen que se especifiquen as obras. Neste eido considera preocupante que o propio servizo de Intervención admita que o grao de execución de investimentos para este exericicio sexa só do 34%.

Os orzamentos municipais van someterse a debate este venres 7 de febreiro no Teatro Principal.