Domínguez sobre a declaración de persoa non grata a Colmenares: "pediría deixar os insultos e que se comece a traballar por crear emprego"

Pontevedra
16 de marzo 2021

"5.000 familias van á rúa e esta é a única medida do Concello", sinala o presidente do Partido Popular de Pontevedra, que asegura que a fábrica supón case un 30 por cento do PIB da cidade

O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, reunido con Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas centrais de Ence Mónica Patxot

Rafa Domínguez, presidente do PP de Pontevedra, manifestou a súa discrepancia coa decisión do grupo de goberno do BNG e do PSOE de declarar "persoa non grata" a Ignacio de  Colmenares, presidente do Grupo Ence. 

Para o portavoz popular "esta decisión é a única iniciativa que se tomou desde o Concello mentres 5.000 familias poden irse á rúa". Alega que a fábrica de Lourizán supón case un 30% do Produto Interior Bruto no municipio. Asegura que, por tanto, unha marcha da empresa "supoñería un golpe abismal para moitos pontevedreses que, nun ano tan dramático, agora ven perigar o seu sustento".

Domínguez ataca ao alcalde Fernández Lores afirmando que nos últimos 20 anos "non foi capaz de atraer nin unha soa empresa a Pontevedra. En cambio, o goberno local sente orgulloso de botalas". Neste sentido, alerta sobre o grave problema de desemprego que se acentuaría cun posible abandono da localización actual da fábrica pasteira e pregúntase "van celebrar tamén que centos de pontevedreses queden sen traballo?".

Ademais, alega que "non é a mellor das estratexias o pedir diálogo e só en catro días decidir nomear persoa non grata a unha das persoas que participarían nese foro" facendo referencia á posibilidade de que se celebre unha mesa de traballo para estudar o futuro de Ence como propoñen desde o PSOE.