Día complicado na área sanitaria, con 38 novos casos activos por coronavirus nunha xornada

Pontevedra
27 de marzo 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma un total de 260 casos activos de coronavirus desde o inicio da alerta sanitaria. Este venres, nos hospitais da área sanitaria hai un total de 84 persoas ingresadas, das que 72 están hospitalizadas en planta e 12 son pacientes que están na UCI

Centro de Saúde da Parda Diego Torrado

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma un total de 260 casos activos de coronavirus desde o inicio da alerta sanitaria. A cifra supón 38 novos positivos confirmados nunha soa xornada, pois este xoves había 222.

Segundo a actualización de datos deste venres, nos hospitais da área sanitaria hai un total de 84 persoas ingresadas con esta enfermidade, das que 72 están hospitalizados en planta e 12 son pacientes que están na UCI. Dos ingresados en planta, sete permanecen no Hospital do Salnés e o resto en Pontevedra cidade. 

Un total de 176 persoas que deron positivo están nos seus domicilios e ata agora xa se curaron tres pacientes que foron casos confirmados e agora están de alta médica tras dar negativo ao repetir as probas de coronavirus. Ningunha destas altas foi nas últimas 24 horas.

A noticia máis negativa da xornada chegou co falecemento do sexto paciente desde que comezou a incidencia do Covid-19, un home de 90 anos que se atopaba ingresado no Hospital Montecelo para recibir tratamento. Tiña patoloxías previas.

Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 2.211, deles 552 son da área da Coruña, 140 da de Lugo, 302 da de Ourense, 509 da área de Vigo, 388 da de Santiago, e 60 da de Ferrol. 

Do total de pacientes positivos, 98 permanecen en UCI, 556 están en unidades de hospitalización e 1.557 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 67 altas de pacientes e 44 falecementos.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.