Volvéronse repetir durante os últimos días actos vandálicos no centro histórico. Neste caso producíanse fronte á capela das Ánimas, nun edificio no que está prevista a creación duns apartamentos turísticos, unha vez que leve a cabo a rehabilitación total do inmoble, segundo indican diversas fontes da contorna.
Os vándalos dedicáronse a causar danos na fachada con pintadas na porta e danos, coa rotura do cristal, na xanela nesta construción situada na Rúa das Ánimas.
Segundo denuncian, non é a primeira vez que os propietarios deste inmoble sofren este tipo de danos contra a propiedade, ata o punto de que foi necesario que cambiasen a porta de acceso á vivenda, despois de que a rebentaran causando desfeitas na caixa de correos.
Nas últimas datas, o Concello de Pontevedra anunciou que a Policía Local está levando a cabo un traballo de investigación para detectar a autoría dos grafitis aparecidos no Teatro Principal ou nun dos edificios do Museo na rúa Pasantería.