Denuncian outra limpeza agresiva de estacións rupestres do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Umia
19 de xullo 2019

Integrantes do colectivo A Forneiriña presentaron unha denuncia ante a Garda Civil porque a limpeza executada nas laxes, baixo a dirección do parque, eliminou a pátina superficial das pedras quedando totalmente desprotexidas

Gravados afectados pola limpeza no PAAR de Campo Lameiro A Forneiriña Colectivo na Defensa do Patrimonio

O colectivo en defensa do Patrimonio A Forneiriña presentou ante a Garda Civil de Cuntis esta semana unha denuncia polo estado en que se atopan as nove estaciones rupestres que se poden visitar na área arqueolóxica do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR)

Segundo denuncian, as laxes con gravados quedaron en mal estado despois de que se executasen os traballos de limpeza por parte dunha empresa externa, contratada a través do PAAR.

Afirman que a limpeza foi tan "exhaustiva" que eliminou por completo a pátina superficial das pedras, de maneira que agora quedan desprotexidas ante os axentes meteorolóxicos. Integrantes da Forneiriña afirman que mesmo as pedras ofrecen unha tonalidade rosada e esbrancuxada que apenas permiten ver os sucos dos gravados.

A Forneiriña entende que os traballos de limpeza foron realizados baixo a supervisión do antigo director do parque, José Manuel Rey, que na actualidade é o novo director do Museo de Pontevedra. Afirman que xa é a segunda vez que se produce este ataque ao patrimonio de Campo Lameiro, que ten categoría de Ben de Interese Cultural. Lembran que en 2014, os traballos de limpeza arrasaron un petróglifo ao pasarlle un tractor con rozadora de cadeas por encima incumprindo o protocolo de limpeza.

Os representantes deste colectivo sinalan que se volveu a realizar unha agresión irreparable ao patrimonio xa que se alteraron as laxes con gravados que se remontan ao segundo e terceiro milenio antes de Cristo.

A Forneiriña espera que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta investigue estas actuacións e piden que José Manuel Rey asuma as súas responsabilidades. 

AmpArticleViewer.default.tags