Piden a dimisión do director do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro polos últimos danos a petróglifos
Por Redacción
As novas agresións ao patrimonio arqueolóxico que se apreciaron no petróglifo de Chan do Carbón 3 en Campo Lameiro provocaron que o grupo de traballo de Anovaterra, da organización política Anova, pida a dimisión do director do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR), José Manuel Rey. Este colectivo culpa á Xunta de Galicia de ser responsable dos danos e da destrución do patrimonio ao non establecer protocolos de actuación nin habilitando medios para a xestión.
Anovaterra pide que as institucións públicas relacionadas co patrimonio implíquense no deseño dun plan de emerxencia con medidas de apoio persoais e materiais para sinalizar e fomentar o coidado dos elementos do patrimonio arqueolóxico e cultural. Neste sentido, lamentan a infrautilización da experiencia e dos medios persoais dos técnicos do Museo de Pontevedra para asumir labores de colaboración para o coidado deste patrimonio ameazado.
Ao mesmo tempo, este colectivo demanda a intervención de diferentes organismos como goberno de Estado, da Unión Europea, a Unesco pola vulneración da legalidade vixente. Denuncian que non se toman medidas preventivas para evitar a utilización da maquinaria pesada sen control ou a declaración de risco de incendios en espazos provistos de petróglifos.
Ademais inciden en que o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro contou cun investimento de 10 millóns de euros e por iso reclaman que se reconverta en referente a través da dotación dos medios necesarios, así como a implicación da Universidade para que se investigue e realícense proxectos piloto de alta tecnoloxía.
Ante os últimos danos causados, Anovaterra pide a dimisión de responsables da Consellería de Cultura na xestión do patrimonio arqueolóxico e do director do PAAR de Campo Lameiro como responsable da falta dunha política de protección do patrimonio e da mala xestión do parque.
Relacionadas:
-
Denuncian o estado ruinoso da recreación do poboado da Idade do Bronce no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre
Por Redacción |
-
Denuncian outra limpeza agresiva de estacións rupestres do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Descobren novos petróglifos no parque arqueolóxico de Campo Lameiro, un "inusual na arte rupestre"
Por Redacción |
-
AnovaTerra pide a intervención do Estado ante o "abandono" do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Denuncian que un tractor volve causar danos nun petróglifo en Campo Lameiro
Por Redacción |