Defensa rehabilitará un pavillón de vivendas en mal estado e sen uso en Rosalía de Castro

Pontevedra
16 de novembro 2020

O Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa ( INVIED) solicitou licenza urbanística para rehabilitar as catro vivendas actuais dos números 9,10,11 e 12 e desdobralas para convertelas en oito. Actuarán nunha superficie de 1.027,26 metros cadrados, dos que 701,24 metros cadrados son superficie útil

Vivendas militares que se van rehabilitar en Rosalía de Castro Mónica Patxot

O Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) do Ministerio de Defensa rehabilitará un pavillón de vivendas militares situado na rúa Rosalía de Castro, na esquina coa avenida María Vitoria Moreno. Trátase dunha estrutura que ata o de agora albergaba as vivendas 9, 10, 11 e 12, as únicas deshabitadas do recinto e que ata o de agora nunca foran obxecto de rehabilitación. 

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, indicou que a Xunta de Goberno deste luns aprobou a concesión da licenza urbanística solicitada para esta actuación. A autorización urbanística solicitárona os arquitectos que realizarán a obra en nome do Invied. 

O proxecto supoñerá rehabilitar as catro vivendas actuais e desdobralas para convertelas en oito. A licenza solicitada especifica que se destinarán a vivenda e que se actuará nunha superficie de 1.027,26 metros cadrados, dos que 701,24 metros cadrados son superficie útil. 

O orzamento deste proxecto ascende a 1.002.823,09 euros e inclúe tanto a rehabilitación do pavillón como a renovación de todos os servizos. O prazo de execución de todos os traballos será de sete meses, segundo consta na licenza solicitada. 

Estas vivendas atópanse en mal estado de conservación, de modo que con esta obra a súa imaxe mellorará por completo e renovará o aspecto desta zona de Rosalía de Castro.

Respecto diso, Anabel Gulías aplaudiu que este proxecto é unha "boa nova" para esta zona e para a cidade no seu conxunto e lembrou que nesta zona de Pontevedra tamén se actuará dentro do convenio asinado o pasado verán entre o INVIED e o Concello de Pontevedra para integrar na cidade as vivendas militares de Campolongo e Mollavao.

En xullo, con motivo da firma deste convenio, Defensa xa adiantou a intención de acometer a rehabilitación integral dos antigos chalés militares de Mollavao e que serían divididos para albergar vivendas que se ofrecerán de maneira gratuíta a altos cargos e profesores da Escola Naval de Marín e do cuartel da Brilat en Figueirido

En virtude do citado convenio, o Concello recibirá case 10.000 metros cadrados de espazos públicos e zonas verdes en Campolongo, entre Xeneral Rubín e a Rúa da Tablada; e case 4.000 metros entre Manuel del Palacio e Rosalía de Castro, xunto ao colexio Salvador Moreno. Ademais, Defensa entregará á administración municipal un local de 367 metros cadrados nun dos edificios militares, completará a Rúa da Tablada e creará unha nova conexión con María Victoria Moreno e unha praza pública entre Rosalía de Castro e Manuel del Palacio.