De visita ao futuro centro de saúde de Marín

Marín
03 de febreiro 2015

O futuro centro de saúde de Marín está desatascado e, para escenificar que a súa construción vai por bo camiño, o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, visitou este martes os terreos onde se edificará. O Sergas ven de rematar os trámites para a construción do centro coa formalización da acta de comprobación de replanteo, de xeito que dá comezo a obra de construción

Visita do xerente do Sergas aos terreos do futuro centro de saúde de Marín Consellería de Sanidade

O futuro centro de saúde de Marín está desatascado e, para escenificar que a súa construción vai por bo camiño, o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, visitou este martes os terreos onde se edificará.

A visita serviu para darlle a coñecer os detalles desta nova infraestrutura sanitaria, que está previsto que se execute nun prazo de 14 meses. Este coñecemento do proxecto foi posible porque estivo acompañado da alcaldesa do concello de Marín, Pilar Ramallo; o delegado da Xunta, José Manuel Cores; o xerente da Área Sanitaria de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González; e a xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro.

A raíz desta visita, a Consellería de Sanidade lembrou a través dun comunicado que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ven de rematar os trámites para a construción do centro coa formalización da acta de comprobación de replanteo, de xeito que dá comezo a obra de construción, tras asinarse o contrato de obra entre o Servizo Galego de Saúde e a empresa Dragados, SA o 22 de xaneiro.

O orzamento da adxudicación é de 5.201.837 euros para unha superficie construída de 3.779 metros cadrados. A obra ten no seu programa funcional unha área de medicina xeral e enfermería, 12 consultas de medicina xeral, 11 de enfermería, unha para docencia, unha polivalente, un despacho para o traballador social, unha consulta de telemedicina, unha sala de tomas de mostras, outra sala de técnicas, unha consulta de odontoloxía, outra para hixiene dental, outra de farmacia, unha sala de raios X compartida co PAC, unha consulta da muller, unha para a matrona, unha sala de educación para a saúde, unha sala para fisioterapia con catro cabinas de tratamento, unha consulta de fisioterapia, un despacho para xestión e outro para o coordinador.

Na área de pediatría, haberá catro consultas de pediatría, unha polivalente de pediatría e catro de enfermería pediátrica. Na área de urxencias (PAC), haberá tres consultas de medicina xeral, dúas de enfermería, tres dormitorios para o persoal de garda, unha sala de críticos e unha sala de observación. Outros servizos dos que disporá serán a biblioteca, sala de xuntas, sala de estar, almacéns, e arquivo.