Convocan unha concentración veciñal contra o cambio de nome da avenida Juan Carlos I por Virxinia Pereira

Pontevedra
13 de maio 2021

Durante as últimas horas apareceron carteis sen que se especifique quen realiza a convocatoria onde se pide a participación veciñal nunha concentración prevista para este sábado 15 ás 19.00 horas no cruce situado entre esta avenida e a rúa Pintor Laxeiro

Cambio de Avenida Juan Carlos I a Avenida Virxinia Pereira Renda Mónica Patxot

"Concentración. Non ao cambio de nome da avenida Juan Carlos I". Con este encabezamiento escrito en lingua castelán apareceron, durante as últimas horas, carteis facendo unha chamada á veciñanza da avenida Virxinia Pereira Renda para participar nunha protesta para demandar que se manteña o nome desta avenida co nome do rei emérito. 

O venres 23 de abril facíase efectivo o cambio do nome desta avenida. Tres semanas máis tarde convocouse esta concentración a través de notas na contorna da zona sen que apareza quen organiza o acto. Cítase á veciñanza para realizar a protesta a partir das 19.00 horas do sábado 15 de maio no cruzamento de Pintor Laxeiro coa avenida.

A nova denominación do vial como Avenida Virxinia Pereira Rendafoi aprobada pola corporación municipal de Pontevedra en pleno cos votos favorables do grupo de goberno formado polo BNG e polo PSdeG-PSOE fronte ao rexeitamento do Partido Popular e do concelleiro non adscrito Goyo Revenga.

Residentes na zona mostran a súa preocupación polos problemas que se xeran cun cambio destas características, sobre todo en relación a establecementos comerciais coas modificacións aos que o cambio de nome obriga en relación a diferentes documentos administrativos.

Pola súa banda, colectivos relacionados coa Memoria Histórica como Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), entenden que é destacable este cambio de denominación ao pasar de "un monarca corrupto" ao nome dunha muller "con valores republicanos". Virxinia Pereira, esposa de Castelao, foi unha defensora dos dereitos de Galicia e a máxima  valedora de que os fondos do artista de Rianxo permanecesen no Museo de Pontevedra.