O mozo de 22 anos detido o domingo por maltratar á súa ex noiva e disparar cunha pistola de aire comprimido a un compañeiro de piso dela foi condenado, coa súa conformidade, por cinco delitos relacionados coa violencia de xénero.
Tal e como publicou PontevedraViva, o mozo foi detido o domingo por dous delitos, malos tratos habituais ao seu ex parella e lesións ao seu amigo. Tras pasar a noite nos calabozos da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, este luns pasou a disposición xudicial, pero só pola violencia de xénero, non polo disparo.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, en funcións de garda, xulgouno e condenouno xa coa súa conformidade.
O home quedou en liberdade, pero cunha sentenza condenatoria como autor dun delito de malos tratos habituais, tres delitos de malos tratos de obra e un delito de coaccións no ámbito da violencia de xénero.
O xulgado condenouno a 14 meses de prisión, 88 días de traballos en beneficio da comunidade, 56 meses de privación do dereito á tenencia e porte de armas e 33 meses de prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima.
A pesar da condena a 14 meses de prisión, quedou libre e o xulgado suspendeu a execución da pena condicionada a que non delinca durante tres anos.
O home tamén ten pendente agora unha causa polo disparo ao compañeiro de piso da súa ex parella, ao que perforou a orella cunha pistola de aire comprimido. A pistola foi intervida pola Garda Civil e, segundo fontes xudiciais, por estes feitos aínda non chegou o atestado ao xulgado, de modo que non puido tomárselle declaración por eles nin adoptarse ningunha resolución.