CC.OO. presentará unha querela contra o PSOE local se non retira as acusacións sobre a autoría das pintadas

Pontevedra
17 de abril 2019

O secretario de organización José Luis García Pedrosa criticou que Pedro Sánchez non atendera os representantes do comité de empresa de Ence no mitin de Vigo e culpou a Maica Larriba, Guillermo Meijón e Tino Fernández do cambio de postura socialista en relación coa prórroga da pasteira

José Luis García Pedrosa, á esquerda, durante a convocatoria de prensa Nacho Fuentes

José Luis García Pedrosa, secretario de organización comarcal do sindicato Comisións Obreiras, ameaza con presentar unha querela contra a agrupación local do Partido Socialista se Tino Fernández, o seu secretario de organización e candidato á alcaldía, non rectifica nas súas declaracións nas que relacionaba as pintadas na sede do PSOE co sindicato no que milita García Pedrosa.

Alegou que se fose Comisións Obreiras quen realizase a pintada, esta sería máis contundente que "De obreros poco" como aparecía no exterior do local situado en  Nostramo Lourido. "Porque de obreiros non teñen nada", indicou o representante sindical que afirmou que ata o momento só están a participar nas mobilizacións que organizan os comités de empresa de Ence. Convidou á agrupación socialista a presentar unha denuncia na comisaría no caso de que teñan algunha proba sobre a autoría. "Non se lles pode permitir facer  unha acusación falsa", afirmou García Pedrosa.

O representante sindical non quixo condenar nin esas pintadas nin as aparecidas nas proximidades do domicilio da concelleira do BNG,  Carme da Silva. Sinalou que non a comparten nin lles "parecen prácticas aceptables", pero tamén arremeteu contra moitos dos que se "escandalizan" hoxe cando realizaron "moitas pntadas na súa vida". Engadiu que o BNG realizara pintadas de todo tipo en Galicia.

José Luis García Pedrosa criticou a Pedro Sánchez por declinar a solicitude dos presidentes do comité de empresa de Ence para manter un encontro antes do seu mitin este martes en Vigo. Entende que se debe á formulación que se realiza desde o PSOE de Pontevedra. Culpou directamente á subdelegada do Goberno  Maica Larriba, a Guillermo Meijón e a Tino Fernández de ser os responsables do cambio de postura do goberno socialista en relación coa prórroga de Ence. 

Tamén atacou a UXT e CIG polo silencio que manteñen en relación coa situación de perigo á que se enfrontan os traballadores da pasteira, do sector forestal e do porto de Marín. Acusoulles de non participar nas mobilizacións ante a  Deputación, ante o Parlamento de Galicia ou no mitin de Pedro Sánchez e, por este motivo, cre que estes sindicatos non están a defender aos traballadores e ao emprego. "A  nós non nos vai colocar o bozal nadie", afirmou o sindicalista.

García Pedrosa apuntou ao remate da rolda de prensa que recorreron xudicialmente a negativa da subdelegada do Goberno  Maica Larriba á celebración da manifestación de transportistas pola cidade e sinalou que están á espera de que desde a Subdelegación se lles indique o percorrido alternativo que deben realizar para a "gran manifestación" de apoio a Ence prevista para o venres 26 de abril.

Arquivado en