BNG e PSOE rexeitan unir arquivo e biblioteca en San Francisco porque "non caben"

Pontevedra
18 de decembro 2023

O futuro da antiga sede de Facenda foi un dos temas de debate no pleno municipal. Fíxoo a partir dunha moción presentada polo PP para instar o Goberno a impulsar unha rehabilitación do inmoble que permita compatibilizar o uso como arquivo histórico provincial co de biblioteca

Antiga delegación de Facenda
Antiga delegación de Facenda / Mónica Patxot

O futuro da antiga sede de Facenda en San Francisco foi un dos temas de debate no pleno municipal celebrado este luns.

Fíxoo a partir dunha moción presentada polo PP para instar o Goberno a impulsar unha rehabilitación do inmoble que permita compatibilizar o uso como arquivo histórico provincial co de biblioteca. Pero BNG e PSOE negáronse alegando problemas de espazo.

Rafa Domínguez sostivo que a necesidade de dotar a este inmoble de contido é un "clamor popular" dos pontevedreses, pola súa historia, beleza e localización. "A mí me da mucha pena que este edificio siga cerrado y que no podamos disfrutar de él", afirmou.

Tras destacar o "enorme déficit" que ten Pontevedra no ámbito de bibliotecas e lugares de estudo, Domínguez lamentou que a cidade teña pechados "demasiados edificios históricos"  que, como este, poidan servir para acoller a actual biblioteca de Alfonso XIII.

A Xunta, lembrou o edil popular, ofreceuse ao Estado para colaborar economicamente para que este proxecto "sea una realidad" e avanzou que mesmo a Deputación podería sumarse para "mejorar esa maravillosa postal" que forma este edificio na Ferrería.

Desde as filas socialistas, Iván Puentes celebrou que tras diferentes alternativas "que se foron frustrando" este edificio vaia a ser rehabilitado, empezando por unha cuberta deseñada por César Portela na que se investirán uns 600.000 euros.

Pero mostrou "serias dúbidas" de que este edificio teña capacidade para albergar a biblioteca porque "non hai metros cadrados suficientes" para que comparta o espazo cun arquivo histórico que alberga 70.000 documentos na súa actual sede de Paseo de Colón.

Na procura doutras alternativas para unha nova biblioteca coincidiu con el o nacionalista César Mosquera, que desvelou que o Concello xa ofreceu á Xunta outras opcións "se realmente o queren facer", incluso o convento de Santa Clara no seu día.

Mosquera censurou a proposta do PP ao entender que se trata de "xogar ás casiñas" e ser unha idea que carece de "seriedade e rigor", porque o edificio de Facenda ten uns 3.000 metros cadrados útiles e para acoller o arquivo e a biblioteca necesitaría máis do dobre.

"Nin expropiando todo San Francisco daría para meter todo isto", sentenciou.

UNANIMIDADE COA REFORMA DO FROEBEL

Por unanimidade, pola súa banda, aprobouse a moción presentada polo PSdeG-PSOE para instar á Xunta de Galicia a executar as obras de reforma do colexio Froebel, unha actuación que "segue en executarse trece anos despois", segundo lembrou o edil Manuel Fariña.

Tras enumerar as deficiencias que presenta o centro, entre elas as "continuas fervenzas" que caen do seu teito, Fariña asegurou que é "totalmente intolerable" que durante todo este tempo non se cumpriu esta "reivindicación histórica" da comunidade educativa.

"Levamos trece anos agardando. Non debería ser unha broma", engadiu o concelleiro nacionalista Demetrio Gómez, que sostivo que esta demora demostra que o goberno da Xunta "é incapaz de dar resposta ás necesidades dos galegos".

A popular Aroa Otero, pola súa banda, avanzou que a Xunta, como xa avanzou hai uns días, prevé licitar en 2024 esta reforma do Froebel, orzada en 1,1 millóns de euros, destacando que todas as peticións do colexio estarán recollidas neste proxecto.

A outra proposta do PSOE, que se demanden a Renfe melloras no servizo ferroviario na liña do Eixo Atlántico, entre elas novas frecuencias, que se recuperen liñas suprimidas, a chegada dos trens Avril ou crear un novo servizo de proximidade, tamén obtivo o respaldo unánime da corporación.