Benvida literaria ás Festas da Peregrina: Manuel Jabois, o pregoeiro que conseguiu "facer de Pontevedra a medida de todas as cousas"

Pontevedra
10 de agosto 2019

O escritor e xornalista destacou que en Pontevedra "é pontevedrés o que quere selo" e presumiu de que "nestes tempos nos que tantos carnés se lle pide aos visitantes en tantos sitios, é unha felicidade saber que en Pontevedra a igualdade non é unha palabra baleira nin baleirada"

Pregón de Manuel Jabois nas Festas da Peregrina 2019 Mónica Patxot

Ler e escoitar a Manuel Jabois adoita ser un paseo agradable. Un percorrido pola actualidade política y deportiva nos seus textos en El País e intervencións en Cadena Ser. Volver á infancia e adolescencia en libros como a súa última novela, Malaherba. E sempre, ou case sempre, regresar a Pontevedra a través das súas columnas. Este sábado, para dar ese paseo, non foi necesario abrir un xornal, pasar as páxinas dun libro ou sintonizar a radio. Foi suficiente con acudir á praza da Pedreira.

Alí, subido ao balcón do Pazo de Mugartegui e acompañado polos políticos locais, transportou a todos os asistentes aos seus cinco anos, cando chegou a esta cidade; á súa etapa escolar e adolescencia; á súa época como xornalista en Diario de Pontevedra; ás súas amizades e a súa vida. Alí se subiu e alí explicou por que, cando escribe, sempre opta por "facer de Pontevedra a medida de todas as cousas". Desde a praza, e escoitándoo, os pontevedreses entenderon por que este escritor e xornalista foi elixido para dar o pregón que abre as Festas da Peregrina.

Jabois, que nos últimos tempos veu elevada a súa fama por distintos puntos de España e foi convidado a ser pregoeiro en outros eventos festivos, agasallou os oídos dos presentes ao sentenciar que este sábado, por primeira vez, puido dicir amigas e amigos dende un balcón, "e dicilo literalmente".

No balcón, díxollo ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a concelleira de Festas, Carme da Silva; e políticos de BNG, PSOE, PP -entre eles, a ex presidenta do Congreso, Ana Pastor- e Cidadáns. Na praza puido decirllo a un nutrido grupo de pontevedreses que, como cada ano, non quixeron perderse o acto que abre formalmente as Festas da Peregrina.

Ao tempo que subía o pano destas festas, Jabois lembrou que hai vinte anos el era o que pechaba as festas e apagaba as luces e non parou de dar as grazas por ter a oportunidade de abrir a festa "máis importante de todas", e acender os focos. E todo, por primeira vez, vestido, segundo chanceou.

"Moi compracido, moi emocionado, eternamente honrado", Jabois lembrou a súa chegada a Pontevedra, o seu primeiro tropezón no primeiro día de escola, o seu paso polo colexio de Campolongo, os seus veráns en Sanxenxo -de onde e natural-, os seus primeiros anos vivindo na rúa Rosalía de Castro e aqueles anos nos que, a través das súas cartas, e antes de empezar a traballar en Diario de Pontevedra -"aquel xornal no que soñaba escribir con 14 anos-, inventou Pontevedra antes de coñecela. Ao coñecela, todo foi a mellor.

A súa ex compañeira e amiga Belén López recibiu un dos grandes piropos dun pregón cheo deles. "Cría que xente así xa se extinguira", dixo ela. E seguiu con louvanzas ás fontes das Palmeiras e de San Francisco, a Mourente e A Caeira, a amigos da infancia como Anxo Iglesias Zaldíbar e a pontevedreses ilustres como Sabino Torres, Manuel Moldes, Rafa Ceresuela ou María Victoria Moreno. E, sobre todo, desfíxose en eloxios cara á cidade, da que saca peito porque o soño pontevedrés non é, para el, outro que o feito de que "cada un inventase o seu futuro e que a cidade conspirase ás súas costas para facelo realidade".

Destacou da cidade que nela non existen os pontevedreses de adopción, senón que en Pontevedra "é pontevedrés o que quere selo" e presumiu de que "nestes tempos nos que tantos carnés se lle pide aos visitantes en tantos sitios, é unha felicidade saber que en Pontevedra a igualdade non é unha palabra baleira nin baleirada. Con moito por percorrer, pero con moito percorrido tamén".

Este pregón, co que se abre unha nova Semana Grande da Peregrina, colmou o desexo que naceu en Manuel Jabois cando, con 23 anos, entrevistou ao escritor Víctor Freixanes e descubriu que "non había orgullo maior que ser o cantor da cidade da túa vida nas súas festas máis grandes". Pois, para o pregoeiro 2019, a máis grande de todas as glorias cumpriuse, "que te queiran na casa, que te queiran os teus". Emocionado e feliz, sempre namorado de Pontevedra, puido pasar unha nova páxina das moitas que lle quedan por escribir na súa carreira.

O pregón íntegro pode consultarse nesta ligazón