Acordo para que o tráfico quede restrixindo a residentes e servizos en Leborei

Pontevedra
04 de xuño 2022

Demetrio Gómez, Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, concelleiros do goberno local, reuníronse a última hora da tarde deste venres coa veciñanza deste lugar de Cerponzóns, para buscar unha solución aos problemas do continuo tráfico de vehículos pola zona, empregada como atallo entre as estradas de Santiago e de Vilagarcía. Tamén vai iniciarse unha recollida de sinaturas para que se acometa a construción da Variante de Alba

Xuntanza para resolver os problemas de tráfico en Leborei (Cerponzóns) Concello de Pontevedra

O tránsito continuo de vehículos e os problemas de bloqueo de camións de gran tamaño pola estreita vía que percorre Leborei chegarán, en breve, ao seu fin. Este venres a última hora da tarde alcanzábase un acordo entre a veciñanza e representantes do goberno local de Pontevedra para adoptar solucións no menor prazo posible.

Demetrio Gómez, Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, concelleiros do goberno municipal, mantiñan un encontro nesta parroquia de Cerponzóns coa maioría dos residentes da zona. Esta reunión era demandada ante a preocupación pola seguridade viaria que se rexistra na contorna desta vía, utilizada como atallo entre as estradas de Santiago (N-550) e de Vilagarcía (PO-531), provocando risco para viandantes e mesmo para as propiedades veciñais.

O acordo contempla restrinxir o paso de vehículos para que só poidan acceder residentes e servizos. Esta medida entrará en funcionamento en breve, tan pronto como poidan instalarse as sinalizacións pertinentes, tras o informe da Policía Local. 

Tamén se trasladará este acordo ao resto de administracións, tanto á Xunta de Galicia, como ao Estado, que son os responsables das estradas de Vilagarcía e de Santiago, respectivamente. 

Ademais, a veciñanza decidiu iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar a construción da Variante de Alba, unha estrutura que consideran a fórmula máis viable para retirar o tráfico do interior de Leborei. Segundo o goberno local, as outras solucións, como os redutores de velocidade instalados para acougar o tránsito ou esta restrición son "parches" para tratar de resolver o problema de circulación que se produce nesta contorna.