A Xunta vacinou a un total de 4.015 persoas da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, na recente convocatoria de vacinación masiva que tivo lugar no Recinto Feiral de Pontevedra e no Fexdega, durante os días 6 e 7 de abril.
Das 5.350 persoas nadas entre os anos 1956 e 1961, que estaban chamadas para vacinarse nesta área sanitaria, o 75,6%, é dicir, 4.015 persoas, acudiron aos recintos emprazados nas cidades de Pontevedra e Vilagarcía para recibir a primeira das doses da vacinación contra a covid-19.
Máis polo miúdo, no caso de Pontevedra, das 4.400 persoas citadas, o martes acudiron a súa cita de vacinación un total de 1.111 persoas e, na xornada de onte, vacináronse 2.176 pontevedreses. En total, foron 3.287 ás persoas vacinadas na cidade, o 74,70% das persoas que integraban a convocatoria.
Pola súa banda, no que atinxe á comarca do Salnés, das 950 persoas chamadas para vacinarse, o 6 de abril a Xunta de Galicia vacinou a 257 persoas, mentres que na xornada de onte, 471 persoas foron vacinadas. En total, foron 728 (76,6%) as doses inoculadas no Pavillón Feiral Fexdega de Vilagarcía, entre as xornadas do martes e o mércores.
ASTRA ZENECA
A Xunta suspendeu a administración das vacinas de Astrazeneca nas persoas menores de 60 anos. Así, na xornada deste xoves desconvocou ás 1.403 persoas, pertencentes aos colectivos profesionais esencias, que estaban chamadas a vacinarse hoxe en toda Galicia con Astrazeneca. Na área de Pontevedra-O Salnés, na xornada de hoxe non estaban programadas as vacinacións de colectivos esenciais.