A Xunta aclarou nunha edición especial do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicada a última hora do mércores a normativa que rexerá a partir deste 19 de marzo na comunidade en relación á prevención contra a covid.
Nela ademais de confirmar o anunciado previamente polo presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo, como a ampliación de horarios e aforos na hostalería ou a prohibición de reunións de non conviventes en domicilios privados, destaca a aclaración das medidas que se establecen para o uso das praias, ante a previsión asistencia aos areais durante a ponte de San Xosé e pensando xa na próxima Semana Santa.
"A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estancia das piscinas e praias levará a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios. Deberá, ademais, respectarse o límite máximo de seis persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes, en que non se aplicará esta limitación", explica o texto do DOG.
Ademais "exceptúase o uso da máscara durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias", sinala a normativa.
Por último a Xunta insta os concellos a deberá establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias a fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios.