A violencia contra as mulleres tamén se denuncia no inicio do Culturgal a través dunha performance

Pontevedra
29 de novembro 2019

A Deputación iniciou este venres, na xornada inaugural do Culturgal, as súas actividades cunha proposta escénica a cargo de Uxía Morán baixo o título de 'A última cea', que impactou ao público asistente

Performance 'A última cea', de Uxía Morán Cristina Saiz

Vestida de noiva cun traxe branco, Uxía Morán iniciaba na tarde deste venres unha performance pola galería que une o espazo do Recinto Feiral coa sala de exposicións. A intérprete portaba unha bandexa con pratos baixo unha música que marcaba o seu percorrido. Nos momentos de maior intensidade sonora, a protagonista derrubábase rompéndose os pratos como consecuencia duns golpes invisibles que recibía. 

Decenas de persoas, entre as que se atopaba a presidenta da Deputación Carmela Silva, seguían a historia na que a muller mostraba como sufría agresións sexuais ata rematar bailando sobre os pratos rotos e esparexidos polo chan nunha danza mortuoria. Baixo o título de 'A última cea', Uxía Morán ofrecía a primeira acción artística contra as violencias machistas que a Deputación ten previsto desenvolver dentro da Feira das Industrias Culturais que se celebra entre este venres e o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

A proposta reflectía a situación que sufriron as mulleres durante a ditadura franquista entre a represión do réxime e a violencia que se padecía en moitos fogares, vítimas das agresións por parte dos homes e obrigadas a realizar actividades para satisfacelos. Esta proposta inclúese nas actividades de Mulleres en Acción #violenciazero da institución provincial.

A presidenta da Deputación sinalaba, antes da acción artística, que a cultura serve tamén para concienciar e para mobilizar socialmente, ademais de fomentar a sensibilización ante estas situacións de desigualdade.

Toda a programación do Culturgal pódese consultar na páxina web da Feira das Industrias Culturais de Galicia.