A oposición forza ao goberno local a estudar bonificacións no IBI

Pontevedra
09 de febreiro 2018

Permitir o seu pago en cinco prazos e aprobar bonificacións para familias numerosas e persoas en situación de vulnerabilidade social. Son os cambios no imposto de bens inmobles (IBI) que pide a moción conxunta de PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns que se aprobou este venres, co apoio do PP e o rexeitamento do BNG, no pleno municipal

Membros da oposición no pleno municipal
Membros da oposición no pleno municipal / Mónica Patxot

Permitir o seu pago en cinco prazos e aprobar bonificacións para familias numerosas e persoas en situación de vulnerabilidade social. Son os cambios no imposto de bens inmobles (IBI) que pide a moción conxunta de PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns que se aprobou este venres, co apoio do PP e o rexeitamento do BNG, no pleno municipal.

Esta medida, que Luís Rei -que actuou como portavoz dos tres grupos impulsores da moción- pediu que estea en vigor de cara o exercicio 2019, apenas tería incidencia, segundo o concelleiro de Marea, na recadación do IBI en Pontevedra, que este ano alcanzará os 18,5 millóns de euros repartidos nuns 70.000 recibos.

A proposta abriría a porta a que do mesmo xeito que as familias numerosas, os propietarios e inquilinos de vivendas sociais tivesen unha bonificación do 90% cando os ingresos brutos do exercicio fiscal anterior sexan iguais ou inferiores a 6.360 euros e do 50% cando estean entre esa cantidade e 8.130 euros.

O edil de Facenda, Raimundo González, afirmou que esta moción "non ten sentido" e que, tal e como estaba redactada, era "imposible" de tramitar e "inexecutable". Ademais, sinalou que tan só 40 familias serían as hipotéticas beneficiarias e retou aos respectivos partidos a aplicala nos concellos onde gobernan.

O PP, que acabou apoiando esta medida, cualificouna inicialmente como "poco ambiciosa". Rafael Domínguez reclamou unha baixada do IBI "para todos" e que esta fose "sustancial". Así, pediu unha redución do 10% ao entender que este imposto en Pontevedra é "desproporcionadamente elevado".

Esta emenda foi rexeitada por toda a corporación. María Rey foi especialmente dura con esta proposta do PP, ao entender que esa baixada xeral comprometería os ingresos de Pontevedra e dela "se beneficiarían los de siempre a costa de los de siempre", ao afectar igual "al que tiene un pequeño piso y al que tiene un pazo o cuatro bajos comerciales y no tiene problemas para llegar a fin de mes".

APROBADA DE ORDENANZA DE TERRAZAS

O pleno tamén aprobou a ordenanza que regulará a instalación de terrazas e veladores nos establecementos de hostalería da cidade. Anabel Gulías reiterou será un instrumento que permitirá garantir a "polivalencia" dos espazos públicos, "compatibilizando" a actividade comercial co dereito ao descanso dos veciños.

O PP, a pesar de felicitar ao goberno municipal por un proceso "participado", abstívose para reclamar unha ordenanza máis ampla que regule o uso de espazos públicos; mentres que Marea votou en contra tras ver rexeitadas as súas tres alegacións, presentadas días antes do pleno. Pedían reducir o horario, prohibir as estufas de gas e limitar o espazo que ocupan.

Outras catro iniciativas foron aprobadas por unanimidade de toda a corporación.

A primeira foi a moción do BNG para instar a Xunta a que redacte e execute en 2018 un proxecto para a rehabilitación da ponte medieval de Ponte Sampaio e para a mellora da seguridade viaria na PO-264, entre Paredes e Ponte Sampaio.

Tamén lograron o consenso da corporación as propostas do PSdeG-PSOE para garantir a igualdade efectiva entre homes e mulleres nas contratacións públicas e para a mellora do actual servizo ferroviario entre Pontevedra e Vilagarcía, Vigo, Ourense e Madrid; ou a iniciativa de Marea para que Audasa pague integramente o IBI, actualmente bonificado polo Goberno central.