A ocupación hoteleira en Poio sitúase no 70% durante a primeira quincena de agosto

Poio
16 de agosto 2020

Máis de 2.000 persoas visitaron nas últimas dúas semanas as oficinas de turismo de Combarro, Portosanto e Ferreirós. A procedencia maioritariamente de visitantes é doutros puntos de España

Oficina de turismo de Combarro Concello de Poio

As primeiras semanas de agosto ofreceron uns resultados aceptables para o sector hostaleiro de Poio. Segundo os datos ofrecidos polo goberno local, rexistrouse unha tendencia á alza respecto ao mes de xullo, que finalizara cunha porcentaxe de ocupación próximo ao 50%

O índice de pernoitas durante agosto sitúase preto do 70%. Outros anos, este índice situábase sobre o 90% pero, segundo a concelleira de Turismo Silvia Díaz, a pandemia da Covid-19 está a pasar factura ao sector a todos os niveis e non só en clave local.

As casas rurais de Poio son os establecementos que contan cunha maior porcentaxe de ocupación. Segundo a concelleira é probable que se produzan moitos movementos de última hora nesta segunda quincena de agosto, tanto en reservas como en cancelacións, tendo en conta a inestabilidade actual derivada das repuntas, lembrando que a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés ofrece uns rexistros máis baixos que outras zonas de Galicia.

Silvia Díaz destaca o traballo realizado polos negocios que se adheriron ao Programa Poio Confía, impulsado polas áreas de Turismo e Promoción Económica para adaptar as actividades ás esixencias da situación actual para converterse en destinos seguros.

As oficinas municipais de turismo recibiron a 2.057 persoas durante estas semanas solicitando información, unha cifra similar á de todo o mes de xullo (2.435). A maioría das xestións realizáronse na oficina do centro histórico de  Combarro (1.925) fronte ás 70 da Casa Museo de Colón e as 62 do Casal de Ferreirós. 

Máis do 90% das visitas proceden doutras cidades españolas, sobre todo das comunidades autónomas de Madrid, Euskadi e Castela - León. A maioría das persoas mostran o seu interese polas visitas guiadas á Illa de Tambo e polas embarcacións que realizan visitas desde  Combarro ata a Illa de Ons, oferta que funciona moi ben do mesmo xeito que os traslados ata Sanxenxo e Portonovo, apuntou a concelleira de Turismo.