Poio, próximo á metade da ocupación hoteleira en xullo grazas ás casas rurais
Por Redacción
O índice de ocupación hostaleira en Poio ascendeu ao 47% na segunda quincena do mes de xullo, segundo os datos ofrecidos pola concelleira responsable de Turismo, Silvia Díaz, que sinalou que a baixada respecto a outros anos tamén se constatou en todos os niveis do campo turístico en Galicia.
Segundo o Concello de Poio, os establecementos que máis sufriron a crise de visitantes derivada da pandemia foron aqueles que traballan habitualmente con grupos organizados. Fronte a esta baixada rexistrouse un importante número de reservas nas casas rurais do municipio, que nalgúns casos superaba o 90%.
Sobre todo, durante o mes de xullo rexistrouse a presenza de turismo nacional, sitúandose nun 90% as persoas procedentes do Estado. A concelleira espera que no mes de agosto, as cifras increméntense segundo as previsións do sector que se manexan. Atendendo aos primeiros días do mes, agárdase que a ocupación supere o 50%. Silvia Díaz apuntou que se están detectando reservas de última hora aínda que tamén algunha cancelación.
As oficinas municipais de turismo recibiron 2.435 visitas durante o mes de xullo para demandar información sobre a contorna. 899 rexistráronse na primeira quincena e 1.446 durante a segunda. Entre os visitantes, a concelleira destacou os 51 peregrinos que se desprazaron ata a Casa do Concello para selar a súa acreditación, na súa maioría procedentes de puntos como Madrid, Andalucía, Estremadura ou Euskadi.
Relacionadas:
-
A ocupación hoteleira en Poio sitúase no 70% durante a primeira quincena de agosto
Por Redacción |
-
O conselleiro de Turismo asegura que "en Galicia estamos a resistir dun modo relativamente positivo"
Por Oskar Viéitez |
-
As vivendas de uso turístico alcanzaron unha ocupación en xullo do 68%
Por Oskar Viéitez |
-
Nova etapa na Casa Museo de Colón: horario de verán e visitas guiadas
Por Redacción |