A festividade do Mércores de Cinza mitiga os efectos das primeiras medidas de desescalada en Pontevedra

Pontevedra
17 de febreiro 2021

A irrupción da chuvia durante a tarde tamén afectou no desenvolvemento desta xornada tradicionalmente festiva na cidade do Lérez. Entre as medidas que comezaron a aplicarse foi posible ver a utilización dos espazos deportivos ao aire libre e a ocupación de todos os asentos dos taxis

Saída da misa en San Francisco Cristina Saiz

O Mércores de Cinza, festa local en Pontevedra, viuse deslucido este 2021 pola situación provocada pola pandemia, que obriga á celebración virtual do Entroido.

Precisamente nesta xornada comezaban a aplicarse as medidas aprobadas pola Xunta de Galicia no proceso de desescalada ante a baixada de casos positivos nesta terceira onda.

O festivo e a presenza da choiva evitou que na cidade do Lérez puideran verse os establecementos comerciais co horario ampliado ou as bibliotecas e centros culturais abertos. Si se observaba actividade nalgúns dos espazos deportivos ao aire libre da contorna urbana mentres as condicións meteorolóxicas o permitiron.

Este mércores, os taxistas tamén tiveron a oportunidade de ocupar todos os asentos dos seus vehículos con clientes para trasladalos. Precisamente, o colectivo do taxi é un dos que tamén está a sufrir en propias carnes as restricións dos últimos meses. No programa La Opinión de Radio Pontevedra, un representante deste colectivo demandaba axudas específicas para este sector por parte da Xunta de Galicia e o Concello.

Indican que para acceder ás axudas establecidas pola administración teñen que demostrar as perdas do 50% e sinalan que non contan con ferramentas que poidan demostralo. Afirman que, sobre todo, realizan viaxes curtas e de persoas con mobilidade reducida ou de persoas maiores. Neste sentido sinalan que o toque de queda e a prohibición do lecer nocturno afectoulles economicamente de maneira notable.

Outra das imaxes que ofrece este mércores é a dos fieis que saían ao mediodía da Igrexa de San Francisco tras a cerimonia relixiosa. Numerosas persoas de idade avanzada que baixaban as escalinatas con escasa distancia de seguridade.

As autoridades sanitarias, malia que están baixando os casos positivos e a presión asistencial, lembran que é necesario continuar mantendo as medidas para evitar os contaxios entre a poboación para evitar as consecuencias dunha nova vaga nos vindeiros meses.