A comisión de comités de ENCE sobre Ignacio de Colmenares: "Cremos que se necesita outro talante para asegurar o noso futuro"

Pontevedra
10 de marzo 2021

Esta comisión formada polos comités de todos os centros de traballo do Grupo Ence solicita ao Consello de Administración da empresa que "mire cara o problema de cara, evitando confrontar os traballadores e aos seus representantes, evitando saídas de ton multitudinarias, que só fan dano á empresa e á súa reputación". Pide, ademais, unidade de acción sindical

Interior da fábrica de Ence en Pontevedra
Interior da fábrica de Ence en Pontevedra / Juan Mejuto

A situación actual e o futuro da fábrica de Ence en Lourizán provocou que a comisión de comités de empresa do Grupo Ence emitise un comunicado para ofrecer a súa opinión sobre o conflito no que se atopa inmerso a empresa.

Desde esta comisión envían todo o apoio ao persoal da fábrica e das oficinas porque afirman que o primordial é manter os postos de traballo. A comisión sinala que apoia a continuidade da fábrica e a súa importante actividade en Galicia e para o grupo de empresas que conforman a entidade. 

Reclaman unidade de acción e recoñecen posturas antagónicas por parte do persoal pero alertan de que ningunha sección sindical debe excluír ao resto de seccións ou comités de Ence na loita. Actualmente CC.OO., que conta con maioría de representación sindical en oficinas centrais, desenvolve accións de protesta semanais e anunciaron que intensificarán esta campaña mentres non se asegure a permanencia da fábrica pasteira en Lourizán.

Pola súa banda o comité de empresa da fábrica, actualmente presidido pola CIG co apoio de UXT, mantén unha postura de diálogo coas distintas administracións para tentar buscar unha solución ao conflito aberto e ao futuro da factoría. Desde a comisión sinalan que é moi importante acudir ás entrevistas cos representantes políticos con "consenso". 

Por outra banda, a comisión critica a actuación da dirección da empresa ao sinalar que "non debería manobrar en contra dunha forma de actuar nin promocionar a outra, senón respectalas a ambas as e exercer a súa función de diálogo absoluto con todas as administracións, partidos políticos e demais partes interesadas". E lembra que non se debe excluír, denostar nin cualificar a unha unicamente.

Afirman que "non é útil falar só cunha parte dos políticos que deben tomar decisións, como tampouco o é atacar a outra parte ou a un partido en exclusiva". E sinalan que se trata dun tema "demasiado importante como para que sexa un campo de abono para a política electoralista".

Ante o vídeo de Ignacio de Colmenares, presidente do Grupo Ence, a comisión quere solicitar ao Consello de Administración que "mire cara ao problema de fronte, evitando confrontar aos traballadores e os seus representantes, evitando saídas de ton multitudinarias, que só fan dano á empresa e á súa reputación". Piden tamén que poñan ao mando das negociacións a persoas responsables, imparciais e competentes.

"O presidente falou do pasado de Pontevedra de costas á comarca, cando leva unha década aquí, desde esta RLT cremos que se necesita outro talante para asegurar o noso futuro"

Advirten que "o compromiso co futuro de Pontevedra pasa pola fiabilidade da Dirección e a confianza que esta xera; e desde logo estamos moi lonxe diso" e alertan a Ignacio de  Colmenares que "non nos parece admisible nin práctico tampouco que o presidente da empresa fale en público de políticos como comunistas, sindicalistas, de podemos ou socialistas, etc. O presidente falou do pasado de Pontevedra de costas á comarca, cando leva unha década aquí, desde esta RLT cremos que se necesita outro talante para asegurar o noso futuro".

O escrito está asinado polos comités de empresa e representantes dos traballadores que conforman a comisión: Fábrica de Pontevedra, Fábrica de Navia, Oficinas de Navia, Oficinas de Madrid, Oficinas de Huelva, Planta PTB de Huelva e Planta HU-41 de Huelva. 

O ALCALDE DE PONTEVEDRA PIDE COHERENCIA A ENCE

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, manifestaba este mércores que a posición do  Concello segue sendo  "clara e contundente respecto á ubicación de Ence na ría". Insistiu en que o goberno local quere recuperar a ría e lembrou á dirección da pasteira que a empresa sabía desde hai anos que tiña unha data de caducidade no ano 2018. 

"Segue trajinando para ver se pode manterse nunha ubicación que é un agravio comparativo con outras empresas que se teñen que buscar a vida. O coherente é que a empresa busque outro alternativa de ubicación se quere seguir producindo en Pontevedra ou na provincia ou en Galicia", afirmou o rexedor local que lamentou que desde a presidencia de Ence "volvemos á mesma de sempre: ameazar, amedrentar e iso non é unha saída"

Fernández Lores sinala que a saída ao conflito atópase en facer un proxecto alternativo con outra localización con futuro, que entende é a única forma de garantir os postos de traballo. O alcalde da capital finalizou pedindo á empresa que se trasladen onde consideren conveniente coa colaboración das administracións responsables pero insistiu en que Ence debe de deixar a ría de Pontevedra.