A APDR critica os "recursos e esforzos consumidos" por Transición Ecolóxica na mesa sobre o futuro de Ence

Pontevedra
23 de abril 2021

A asociación ecoloxista considera "desproporcionada" a representación da empresa nesta mesa de diálogo e considera "desafortunada" a actitude do Ministerio ao deixar en mans da Audiencia Nacional e a Xunta o futuro de Ence en Lourizán. Tamén denuncia o papel xogado polo goberno galego apostando pola permanencia da pasteira na ría

Mesa de diálogo sobre o futuro de Ence convocada polo Ministerio de Transición Ecolóxica Concello de Pontevedra

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que preside Antón Masa, emitiu un comunicado para analizar as declaracións públicas dos diferentes representantes que participaron na mesa de diálogo sobre o futuro de Ence na ría de Pontevedra, organizada polo Ministerio de Transición Ecolóxica en Madrid.

O colectivo ecoloxista considera "inaudita" a cantidade de recursos e esforzos consumidos para realizar esta reunión que, segundo expoñen, tiña como único obxectivo buscarlle acomodo a unha empresa privada que ten a obriga de cumplir a lexislación e buscar as alternativas necesarias para a súa actividade e manter os postos de traballo, expoñen desde a APDR.

Tamén cualifican de "desproporcionada" a representación por parte da empresa nesa mesa de diálogo e afirman que non entenden a razón da presenza dalgúns sectores que "nada teñen que achegar neste tema" sen especificar no comunicado a quen se refiren.

Por outra banda, desde a APDR entenden que é "desafortunada" a actitude do Ministerio de Transición Ecolóxica ao deixar en mans da Audiencia Nacional e da Xunta de Galicia a decisión da posible continuidade de Ence en Lourizán. Afirman que é un abandono de funcións da defensa do dominio público marítimo-terrestre ao inhibirse o Ministerio na esixencia do cumprimento da lexislación de Costas vixente, que limita a permanencia de actividades nestas contornas a aquelas empresas que non poidan realizar as súas funcións noutro espazo.

Ademais, denuncian o papel xogado pola Xunta de Galicia ao considerar que non defenden o dereito público e apostan pola "defensa vergoñosa" da permanencia da fábrica na súa actual localización. Aseguran, desde a APDR, que deixar en mans do goberno galego a solución á saída de Ence é "o mesmo que deixala nas mans da propia empresa" e afirman que a entidade pasteira segue rexeitando calquera alternativa que non sexa a permanencia en Lourizán.

Tamén sinalan que é Ence, e non as administracións, quen debe buscar fondos europeos para realizar o traslado e a instalación da fábrica noutro punto.

Para a Asociación pola Defensa da Ría, calquera acordo con Ence debe pasar por finalizar a actividade en Lourizán "de forma inmediata" e a recuperación do dominio público que "por Lei debería abandonar en xullo de 2018". E no caso de que a administración competente considere que en Galicia é necesaria unha fábrica de pasta de papel que, ademais, peche o ciclo de fabricación deberá abrirse un procedemento público, aberto á participación de calquera empresa do sector.