60 novos contaxios de Covid no inicio de semana na área sanitaria, con 683 casos activos

Pontevedra
26 de outubro 2020

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés non consegue frear o ritmo de  contagios nas últimas xornadas, superando de de novo o medio cento. Apenas cambios no que respecta a a presión hospitalaria, con 47 persoas ingresadas, 7 delas na Unidade de Coidados Intensivos

Situación da Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a 26 de outubro
Situación da Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a 26 de outubro Servizo Galego de Saúde

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés non consegue frear o ritmo de contaxios nas últimas xornadas, e no primeiro día da semana volveu a notificar máis de medio cento de positivos por Covid.

En concreto o Servizo Galego de Saúde informa de 60 novos contaxios na área pontevedresa, 58 deles localizados mediante probas PCR, o que con só 16 altas epidemiolóxicas volveu a disparar os casos activos, que xa se sitúan en 683, 44 máis que o día anterior.

O que apenas varía é a presión hospitalaria, con 47 persoas afectadas ingresadas, unha menos nas últimas horas despois do falecemento o domingo en Montecelo dunha muller de 85 anos de idade. Delas 7 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e 40 atópanse en planta de hospitalización repartidas entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (34), Hospital do Salnés (4) e Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (2).

Desde o inicio da pandemia superaron a Covid 2.323 pacientes da área sanitaria e rexistráronse 28 falecementos asociados ao virus, segundo os datos oficiais.

En canto a realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 879, que se engaden ás 60.369 efectuadas con anterioridade.

A nivel autonómico, Galicia sumou 603 novos positivos, o que coloca a cifra de casos activos en 6.766 o 26 de outubro, é dicir 335 máis que a xornada anterior. Deles 389 atópanse ingresados en planta dos distintos hospitais e 55 en UCI.

En Galicia recibiron o alta desde o inicio da alerta sanitaria 25.585 pacientes e faleceron 868 persoas, oito delas no último día.