Éxtase pontevedresa na última xornada do ITU Multisport, na xornada que todos os afeccionados esperaban con impaciencia, o Campionato do Mundo de tríatlon de longa distancia disputado nas rúas e estradas dunha cidade envorcada, que se botou á rúa para vivir unha auténtica festa culminada co papel dos seus dous principais referentes, Javier Gómez Noya e Pablo Dapena.
A pesar de chegar á cita tras competir hai poucos días nas Series Mundiais e non preparar a conciencia a carreira, Gómez Noya deu unha auténtica exhibición para agrandar o seu palmarés cun novo título mundial, sucedendo ao seu amigo e compañeiro Pablo Dapena, que tamén o deu todo ante os seus para subir ao podio e lograr unha espléndida medalla de prata.
A proba comezou con 20 minutos de atraso condicionada pola decisión dos xuíces, posibilidade avanzada xa o venres para o desgusto da maioría de triatletas profesionais, de reducir á metade o sector de natación, pasando dos 3.000 metros previstos a só 1.500 metros da distancia olímpica. O motivo, cumprir a normativa da ITU ante a baixa temperatura de auga e ambiente.
Era unha medida que a priori prexudicaba ás dúas figuras locais, grandes nadadores. Quizais por esa circunstancia, tentando meter o máximo tempo posible aos rivais que tiñan no primeiro sector o seu punto fraco, Gómez Noya realizou un tramo moi veloz para saír en solitario da auga tras só 20 minutos e 23 segundos. Tras el, a 10 segundos aparecía o danés Daniel Bakkegard, o francés Sebastien Fraysse e o actual campión, o pontevedrés Pablo Dapena, moi ben colocado en cuarto posto.
Empezaban 106 quilómetros de ciclismo, cun perfil esixente e no que era importante regular. Tres voltas en total a un percorrido que subía ata o Pontillón do Castro para baixar despois cara a San Antoniño e volver á cidade. Na primeira delas, á chegada ao encoro, a cabeza de carreira xuntábase, coa distancia requirida ao estar prohibido ir a roda, nun trío entre Gómez Noya, Dapena e o danés Taagholt, sexto na natación.
Pouco despois sumábase o neozelandés Terenzo Bozzone, que perdera preto dun minuto no primeiro sector e que tomou a dianteira para tentar marcar o seu ritmo pasando líder ao final da primeiro volta, con cinco triatletas en apenas 7 segundos entre os que tamén estaba o francés Fraysse. As distancias mantíñanse nunha estreita marxe e co paso dos quilómetros aparecían novos nomes que chegaban recuperando tempo, como o danés Hogenhaug, o suízo Ruedi Wild, o checo Lukas Kocar ou o español Albert Moreno. Tanto era así que ao paso da segunda das tres voltas de ciclismo os 13 primeiros clasificados estaban separados por só 33 segundos.
Noya marcaba de preto ao liderado, e así conseguiu chegar á última transición tras Bozzone e Kovacic, con Dapena pegado. O neozelandés Bozzone realizou unha rápida transición para saír do CGTD cunha lixeira vantaxe. Por diante, aínda 30 quilómetros de carreira a pé para decidir quen era o novo campión do Mundo de tríatlon de longa distancia.
En só un cuarto de volta, o pentacampión mundial en modalidade olímpica tomaba xa o primeiro posto cun forte ritmo de carreira, e ante o delirio da numerosa afección local, Dapena agarrábase con uñas e dentes ao seu título para situarse segundo. A distancia entre ambos era de 17 segundos ao paso pola primeira das catro voltas.
Non afrouxou 'O Capitán', e marchou con paso firme e un ritmo demoledor cara á medalla de ouro. Por detrás Dapena, que vía afastarse o liderado, centrábase xa no que tiña detrás, un Terenzo Bozzone que ameazaba a súa medalla de prata que que foi perdendo forza ante o pontevedrés, crecido polo apoio do público. Tanto foi así que o neozelandés chegou a parar do esforzo e perdeu a medalla de bronce en beneficio do eslovaco Kovacic.
A última volta foi unha celebración de toda Pontevedra que xa saboreaba a dobre medalla dos seus paisanos. Gómez Noya finalizou cun tempo de 5 horas, 5 minutos e 39 segundos. Dous minutos despois chegaba Pablo Dapena, que tomou o seu tempo para gozar do momento cos afeccionados antes de fundirse nun emotivo abrazo co seu amigo.
Todo un soño para eles, para a cidade e para a organización do ITU Multisport, que pon un gran colofón presumindo de campións.