O mundo da arte, emocionado co adeus ao incomparable Manuel Moldes

Pontevedra
30 de decembro 2017

Na madrugada do 3 de decembro falecía, tras sufrir unha enfermidade, o artista pontevedrés Manuel Moldes, toda unha referencia creativa e cultural en Galicia. Recentemente protagonizara unha magnífica exposición no Sexto edificio do Museo de Pontevedra

Mural de Manuel Moldes na cristaleira do Sexto Edificio do Museo Mónica Patxot

Tras sufrir unha longa enfermidade, na madrugada do 3 de decembrofalecía o artista pontevedrés Manuel Moldes, toda unha referencia creativa e cultural en Galicia.  

Deixou o seu legado a través das súas obras e tamén a través das súas clases, lembradas con entusiasmo polos estudantes de Belas Artes de Pontevedra aos que ensinou a experimentar, a buscar, a crear e, sobre todo, a saír á rúa para vivire recoller nos seus traballos o que vían no día a día.

Tras o seu falecemento, os estudantes atenderon á petición que o profesor realizou como última vontade. El deixara pagadas unhas caixas de cervexas na cafetería da facultade para que os seus alumnos beberan na súa honra e crearan unha tea con diferentes elementos artísticos e frases lembrando a figura do pintor e escultor. 

Co tear realizado polos estudantes cubriuse o féretro no enterro no cemiterio de San Amaro. Á cita non faltaron profesores, alumnos e diversos membros da comunidade universitaria, así como numerosos artistas, intelectuais, autoridades e políticos, que na maioría dos casos tamén asistiron ao acto civil no Teatro Principal de Pontevedra, coa presenza dos seus fillos e a súa muller.

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ofrecera, durante o verán, unha antoloxía sobre a súa obra na que el volveu envorcarse realizando un mural efémero nas cristaleiras da fachada do moderno edificio. Moldes contaba coa titulación de arquitecto e foi un integrante destacado do colectivo artístico Altántica. Nesta exposición no Museo, baixo o título ‘Pontevedra Suite’, presentábase un repaso dos seus traballos máis importantes desa época.

Ao artista pontevedrés, os críticos relaciónano con mestres do expresionismo abstracto como Pollock e destacan, entre outros elementos, a súa pintura xestual e as súas liñas barrocas. 

A súa última entrevista radiofónica mantívoa con Marisa Ciordia para PontevedraViva Radio. Durante a súa gravación non deixou de debuxar nun papel mentres comentaba os seus traballos e facía un balance dunha vida intensa e chea de momentos que xa quedan para o recordo.