O Álbum Nós, de Castelao: da familia Domínguez Lino ao Museo de Pontevedra, por 650.000 euros

Pontevedra
30 de decembro 2022

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao cobrou unha especial relevancia neste 2021 en Pontevedra coa adquisición por parte da Deputación de Pontevedra do orixinal do Álbum Nós, que estaba en propiedade da coñecida familia Domínguez Lino

A familia Domínguez Lino, Mosquera e Xosé Manuel Rey, ante a colección do Álbum Nós Cristina Saiz

O sábado 9 de xaneiro, a Deputación de Pontevedra anunciaba que o histórico Álbum Nós, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, era adquirido pola institución provincial para que formase parte da colección do Museo Provincial. 

A coñecida familia Domínguez Lino descubríase como a propietaria da obra orixinal e completa que o autor de Rianxo entregara a José Lino Sánchez. Por petición expresa da familia ata ese sábado de inicios de ano non se daban a coñecer os detalles da operación nin quen era os propietarios das láminas. 

"A familia entendía que o máis importante e o máis relevante en todo este tempo era poñer ao dispor de todos os pontevedreses e de todos os cidadáns a posibilidade de gozar destes debuxos, algo que quería tanto Castelao como o meu avó, José Lino Sánchez, sendo a cuestión da titularidade da colección Nós secundaria", explicou Enrique Domínguez Lino, durante o acto de presentación con César Mosquera e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey.

Segundo indicaron o Álbum Nós chegou á súa familia precisamente de man de José Lino Sánchez, o seu avó, que mantiña unha "estreita relación de amizade e confianza" con Castelao. Ambos eran asiduos da casa de Antón Losada e foron membros fundadores do Partido Galeguista. José Lino, avogado de profesión, "atopábase entre as persoas do círculo máis próximo e de confianza de Castelao".

Os dous coincidiron en 1922 na Xuntanza de Estudos e Investigación Históricas e Arqueolóxicas, un grupo de traballo precedente do Seminario de Estudos Galegos no que Castelao era debuxante e no que tamén participaron Antonio Iglesias Vilarelle, Octavio Pintos ou Filgueira Valverde.

Ademais, entre 1928 e 1936, foron veciños. Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, alugaron un piso no edificio da rúa Oliva 4-6 propiedade da familia Lino e eran frecuentes as visitas á casa do outro. Nunha desas visitas, Castelao regalou a Lino 51 láminas que resultaron ser as orixinais do Álbum Nós, "en recoñecemento ao seu traballo, lealdade e colaboración desinteresada con el". Despois pasaron á súa filla, María del Carmen Lino e houbo que agardar ata 2016 para que se coñecera a existencia deste material.

Cando a conservadora do Museo, Ángeles Tilve, viu o Álbum Nós pensou que non sería o orixinal do álbum editado en 1931, pero ao pasar á segunda folla comprobou a relevancia do cartafol que a familia Lino achegara ao Museo de Pontevedra. Tamén María del Carmen Lino cría que eran "uns debuxos que o seu pai conservara con moito agarimo" e, aínda que sabía que era obra de Castelao, "non tiña idea da relevancia". 

O achado puxo fin a 80 anos de procura dos orixinais do Álbum Nós, aos que se perdeu a pista en 1929. Os exemplares estaban gardados "con agarimo" e están "case en perfecto estado". Nas láminas tan só pode verse algo de foxing, "un proceso químico que afecta o papel", unha circunstancia totalmente normal, segundo os expertos.

A sinatura da compra por 650.000 euros tivo lugar na sala de xuntas do Pazo Provincial da Deputación o 3 de febreiro. O vicepresidente da  Deputación, César Mosquera, acompañado do director do Museo José Manuel Rey, formalizaban a compra do Álbum Nós de Castelao para o Museo de Pontevedra con Enrique 'Quique' Domínguez, en representación da familia Lino.

Ademais, o Museo de Pontevedra pasou a denominar o ata o de agora coñecido como Sexto Edificio como Edificio Castelao. Unha decisión que desde o goberno da Deputación busca reparar unha inxustiza histórica cun dos seus fundadores e principais  valedores.

Agora Castelao é o único artista que conta cun espazo "exclusivo" para expoñer a súa obra, máis de 2.000 pezas, ás que se uniron en propiedade os orixinais do Álbum Nós, sen dúbida un dos seus traballos máis emblemáticos, coñecidos e destacados na súa traxectoria creativa e intelectual. 

O xoves 2 de decembro realizábase o acto oficial ás portas do edificio da rúa Padrei Amoedo, o Museo descubriu o rótulo da fachada que identifica a este inmoble como "Edificio Castelao", o máis grande e relevante dos que posúe a institución museística na cidade de Pontevedra.

Tanto Carmela Silva como César Mosquera, presidenta e vicepresidenta da Deputación, destacaron que con esta acción "dáselle a Castelao a relevancia que merece". Este acto coincidiu coa entrega simbólica dareedición do Álbum Nós feita pola editorial Galaxia e coa inauguración da exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921'.

A súa comisaria, Ángeles Tilve, explicou que a mostra xorde para conmemorar o centenario da viaxe formativa que, pensionado pola Xunta para a Ampliación de Estudos, fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña. Poderase contemplar ata o 23 de xaneiro de 2022

Ademais, neste 2021, o Museo acollía outra mostra na que se facía un repaso á importancia da Xeración Nós. Baixo o título 'Galicia, de Nós a nós', a mostra chegaba a Pontevedra porque "tiña que ser un dos escenarios da mostra porque non se entende a Xeración Nós sen espazos desta cidade como o Café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, sementaron o seu xerme" afirmouse no acto de inauguración en maio.