Marea Pontevedra arremete contra Ana Pastor por "destruír o patrimonio natural da nosa contorna"

Pontevedra
13 de abril 2015

O seu candidato á Alcaldía, Luís Rei acusa, ademais da ministra de Fomento, a Lores, Moreira e a Agustín Fernández de estar convertendo o concello en cómplice dun acto de terrorismo ambiental

Luis Rei, candidato de Marea Pontevedra, no Rexistro municipal Mónica Patxot

O candidato á alcaldía por Marea Pontevedra, Luís Rei, mostrou o seu rexeitamento ao anuncio da ministra de Fomento, Ana Pastor, do inicio das obras da A-57 ao considerar esta obra innecesaria e prexudicial ambientalmente.

Segundo expón nun comunicado o cabeza de lista, a ministra e o alcalde de Pontevedra "non poden seguir enganando á xente co argumento dunha circunvalación inexistente" e apóiase na opinión do colectivo Salvemos a Fracha e en informes técnicos para indicar que esta vía non dará servizo e se converterá nun corredor rápido de oito quilómetros que levará por diante un patrimonio ambiental e cultural de máximo nivel.

Rei insiste en liberar de peaxe a autoestrada A-9 ao seu paso por Pontevedra e convertela desa forma na auténtica circunvalación e advirte a Fernández Lores, Jacobo Moreira e Agustín Fernández de ser cómplices de "este acto de terrorismo ambiental que pasa a converterse dende este momento nunha liña vermella de posibles acordos na futura corporación".

Marea Pontevedra insiste en que acompañará os veciños da Fracha nas accións que emprendan.

Arquivado en