Fin de ciclo no Pontevedra nun ano de ascenso para o Peixe Galego e de descenso do Teucro

Pontevedra
30 de decembro 2020

O 2019 será un ano lembrado polo adeus de Luismi no Pontevedra Club de Fútbol e a chegada de Carlos Pouso ao banco. Os granates pasaron de pelexar case ata a última xornada por entrar no play-off de ascenso a protagonizar un irregular inicio de liga que terminou coa saída do seu adestrador

Partido entre Pontevedra e Atlético de Madrid B en Pasarón Diego Torrado

O 2019 será lembrado no Pontevedra Club de Fútbol por ser un ano de altibaixos que terminou coa etapa de Luismi no banco.

O conxunto granate estivo preto de pelexar polo ascenso de categoría tras unha boa segunda volta de competición. Chegou de feito con todas as opcións abertas a falta de dúas xornadas, cando unha derrota na casa ante o Atlético de Madrid B acabou coas súas esperanzas. A pesar diso a afección premiou o esforzo do plantel cunha sonora ovación nun momento para o recordo no Estadio Municipal de Pasarón.

Con esa imaxe na retina tocaba reinventarse nun verán de cambios, con saídas soadas do equipo como a do canteirán Kevin Presa ou a de David Castro, traspasado ao Valencia, pero coas enerxías renovadas e elevando o listón de esixencia. Así a presidenta, Lupe Murillo, non se engurrou no inicio da pretemporada sinalando aos xogadores "quiero que seais una plantilla de play-off y de ascenso".

Con todo esa ambición chocou coa realidade dun irregular inicio ligueiro. Só 9 puntos no primeiras nove xornadas acabaron co crédito de Luismi no banco. O equipo, tras perder ante polo aquel entón pechacancelas Getafe B, tocara fondo e estaba moi lonxe das expectativas e a un só punto dos postos de descenso.

A presidenta falou de "falta de actitud" no plantel á hora de cesar o técnico, pero deu un voto de confianza aos xogadores mantendo que había vimbias para mellorar. Jesús Ramos, ata entón segundo adestrador, fíxose cargo do equipo de maneira interina durante dúas xornadas, con dúas vitorias, ata a chegada de Carlos Pouso, que confirmou a tendencia á alza ata situar ao Pontevedra na pelexa pola fase de ascenso a final de ano e aínda con toda a segunda volta por diante.

Ademais do deportivo, no institucional o último ano experimentáronse avances na vella aspiración de construír unha cidade deportiva, primeiro coa aprobación da cesión de terreos por parte dos comuneiros de Verducido e máis tarde coa comparecencia de Lupe Murillo na que asegurou que Costas vía "viable" a opción que máis gusta na entidade granate, A Xunqueira de Alba, chegando a estimar o custo do proxecto nos 2 millóns de euros.

O  PEIXE GALEGO ASCENDE POR SEGUNDA VEZ NA SÚA HISTORIA Á LIGA LEB OURO

O premio á constancia no ano 2019 foi para o Peixe Galego, que protagonizou o ascenso máis soado da tempada ao lograr subir, contra todo prognóstico e por segundo vez na súa historia, á Liga LEB Ouro, a segunda categoría do baloncesto nacional.

O conxunto marinense obtivo a recompensa á súa perseveranza nunha tempada longa, na que primeiro sufriu para pasar o corte e situarse entre os 12 equipos que pelexarían polo ascenso de categoría, e despois non baixou os brazos. Así, cando xa parecía descartado chegaron tres triunfos consecutivos ao final da segunda fase para meterse 'in extremis' na eliminatoria definitiva. O rival sería un Villarrobledo ante o que perderan os seus dous encontros previos.

Con todo os de Javi Llorente creron na xesta e venceron por 16 puntos no partido de ida. Faltaba o duelo de volta no que tocaría sufrir, pero souberon facelo para defender a súa renda e converterse en equipo de 'ouro', un fito celebrado ao grande na vila.

Chegaría despois o verán e unha profunda reestruturación no equipo para tentar competir na nova categoría, algo que está a custar moito esta campaña a un equipo limitado nas súas armas polo seu axustado orzamento. Iso si, que lle quiten o 'bailao' aos da Raña.

O TEUCRO DI ADEUS Á LIGA ASOBAL

Pola contra a peor noticia do curso protagonizouna a Sociedad Deportiva Teucro, ao non ser capaz de conseguir a permanencia na Liga Asobal.

Foi un ano no que todo o que podía saír mal, terminou saíndo peor nos azuis. A entidade pontevedresa apostou por un plantel curto e moi novo, co punto de experiencia que achegaba Davor Cutura, pero as inesperadas saídas aínda en decembro de homes como Natan Suárez e Dani Hernández por motivos moi diferentes e as lesións en momentos puntuais castigaron a un equipo que transitou sempre pola zona baixa da táboa.

Aínda así, os pontevedreses chegaron á penúltima xornada da liga con opcións de permanencia na máxima categoría. Para iso debían vencer ao Cangas no Gatañal nun duelo a vida ou morte e despois repetir na última xornada esperando o tropezo do seu rival. Non foron necesarias as contas e os de Luís Montes perderon na casa do veciño certificando de novo na cancha morracense, como en 2016, o seu descenso á División de Honra Prata.

De novo na segunda categoría, o final de ano está a ser un auténtico tormento para o cadro teucrista, afastado dos primeiros postos cunha preocupante irregularidade no seu xogo e resultados, contrastando co histórico inicio de tempada dun Club Cisne que chega ao parón do Nadal como líder destacado e soñando co seu primeiro ascenso a Asobal.

No institucional tampouco baixan menos revoltas as augas en casa Teucro, coa recente dimisión do que foi o seu presidente durante os últimos 9 anos, Carlos García-Alén, por motivos familiares. Sen candidatos nas primeiras eleccións convocadas para sucederlle, unha xunta xestora rexerá polo momento o destino do vicedecano do balonmán nacional.