Graves erros defensivos lastran o Pontevedra ante o Atlético de Madrid B enterrando as súas opcións (0-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Triste final para unha boa tempada, embazada en tres xornadas nas que equipo e afección depositaran moitas ilusións. O Pontevedra pagou coa súa primeira e única derrota do curso ligueiro os seus gravísimos fallos defensivos, novamente concentrados no tramo inicial de cada tempo, dicindo adios ás súas opcións de manter ata a xornada final a loita polo play-off de ascenso. O Atlético de Madrid B foi superior, pero sobre todo non cometeu erros.
Intensidade, ritmo altísimo na circulación de balón, presión avanzada. O partido comezou cunha clara declaración de intencións dos dous equipos e é que ningún ía regalar absolutamente nada nin facer a máis mínima concesión ao rival, cun Pontevedra mostrando a "cara de Pasarón", é dicir, a boa, afastado desoutra que lle custou tantos desgustos e complicado as súas opcións de aspirar ao máis alto. Pero pouco durou debido aos graves e reiterados fallos defensivos que unha vez máis cometerían os de Luismi.
Estaba o partido para que o abrise unha acción de calidade ou un erro individual. A falta do primeiro, chegou o segundo e nos primeiros minutos, momentos que esta tempada provocaron máis dun disguto aos granates. Case o fixo nunha lea que se formou o meta visitante San Román que a punto estivo de aproveitar Javi Pazos, e sucedeu no primeiro que cometeu o Pontevedra. Foi unha acción desafortunada de Borja Domínguez, que perdeu o balón ante a presión de Mikel Carro, provocando un rápido contragolpe en superioridade de tres atacantes para dous defensores, que culminou con serenidade e calidade Camello, rematando raso e cruzado, só ante Edu Sousa.
Tentou reaccionar o Pontevedra, pero os seus intentos morrían sempre nunha ben ordenada defensa colchoneira, sen conseguir xerar perigo e mesmo dando a sensación os madrileños de estar un punto por encima en case todas as accións.
A forte calor fixo que o árbitro parase o partido mediado o primeiro período para permitir aos protagonistas refrescarse, o que aproveitaron os técnicos, especialmente o local, para corrixir detalles que lastraban aos seus. Pero nin con esas. Lonxe de mellorar, o Pontevedra foi perigosamente a peor no aspecto defensivo, cometendo erros impropios que a punto estivo de aproveitar o cadro visitante para sentenciar.
Dese modo, os granates querían, pero os homes de arriba acusaban a falta de seguridade que lles xeraba unha defensa inusualmente nerviosa e superada pola intensidade na presión do contrario.
Desde a bancada chegaban constantes berros de ánimo dun público entregado, disposto a perdoalo todo consciente do que había en xogo, pero o Atlético non se descompoñía, mostrando unha personalidade e oficio pouco comúns en xogadores tan novos. Borja Domínguez deu un tímido sinal de reacción, con primeiro intento, aínda que o seu disparo desde a frontal marchouse desviado. Para iso consumíronse nada menos que 37 minutos. Preto do descanso tívoa Javi Pazos, pero rematou ao centro e frouxo. Dous intentos que polo menos serviron para dar a sensación de que o xogo se equilibrara un pouco.
Pero esa sensación tardou exactamente 25 segundos en disiparse. Fíxoo cando por enésima vez os granates saltaron ao campo coa "caraja" posta e tras unha nova perda de balón permitiron un centro cómodo desde a esquerda de Samu, que puxo o balón en bandexa ao bordo da área pequena para que Camello fusilase a Edu.
E puido ser peor, porque pouco despois unha nova perda en zona de risco deixou a Camello man a man con Edu, pero esta vez o dianteiro colchoneiro non acertou e fallou o máis fácil, enviando o balón fóra, preto do poste.
Con todo perdido, Luismi queimou as súas naves apostando todo á carta do ataque dando entrada a Álex González e Arruabarrena para pasar a xogar con defensa de tres, pero os intentos granates morrían ante unha sempre ben posicionada e atenta defensa madrileña.
Expostos a recibir maior castigo nunha contra, os locais tentábano con máis intención que acerto, vendo como se consumían os minutos sen conseguir facer dano a un Atlético superior en todas as facetas do xogo.
En descargo dos locais, dicir que a falta de ideas tiveron orgullo para morrer na área rival buscando ata o último instante recortar distancias, aínda que con idéntica falta de acerto e puntería que lles acompañou nestas últimas xornadas.
Ao final, un Pontevedra que non coñecía a derrota en Pasarón na actual tempada, caeu no peor momento, no último partido como local, convertendo o último partido ligueiro en Valdebebas nun penoso trámite para eles.
A afección, que estivo de matrícula, a pesar da derrota despediu ao equipo cunha pechada ovación, recoñecendo así os méritos dun equipo que rozou a gloria pero quedou co mel nos beizos.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Nacho López, David Castro, Churre, Adrián León (Álex González, minuto 51), Kevin Presa, Álvaro Bustos, Borja Domínguez, Javi Pazos (Pibe, minuto 75), Pedro Vázquez (Arruabarrena, minuto 55) e Romay.
ATLÉTICO DE MADRID B (2): San Román; Solano, Samu, Tachi, Víctor Ruiz, Mikel Carro, Joaquín (Manu, minuto 74), Cristian, Camello (Darío, minuto 79), Pinchi e Óscar (Rubén Fernández, minuto 83).
Árbitro: Alfonso Vicente Moral (Castela-León), auxiliado nas bandas por Javier Gómez Gago e Carlos Frey Domínguez. Amoestou a Arruabarrena, Álex González e Borja Domínguez, no Pontevedra, e a Samu e Rubén Fernández, no Atlético de Madrid B.
Goles: (0-1) Minuto 12: Camello. (0-2) Minuto 46: Camello.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 4.500 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento do histórico exjugador do Pontevedra, Rafa Ceresuela.
Relacionadas:
-
O Atlético de Madrid B, unha particular besta negra no peor momento posible
Por Diego Espiño |
-
Triunfo de prestixio do Pontevedra sobre o Real Madrid Castilla para pechar a liga (0-1)
Por Ramiro Espiño |
-
Real Madrid Castilla, último trámite ligueiro para o Pontevedra
Por Redacción |
-
A negociación para a continuidade de Luismi, aparcada ata o final da liga
Por Diego Espiño |
-
O fortín de Pasarón cedeu... tras 22 partidos invicto
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra e Atlético de Madrid B enfróntanse nunha auténtica final polo play-off
Por Ramiro Espiño |
-
O Atlético B, unha "final" para o Pontevedra: "Hai que gañar si ou si. Non hai outro resultado posible"
Por Alejandro Espiño |
-
'Déjà vu' do Pontevedra cunha derrota nas Palmas que complica a fase de ascenso (2-1)
Por Diego Espiño |