E veu unha segunda onda con máis mortes que a primeira

Pontevedra
30 de decembro 2021

O avance da covid-19 non se detivo neste 2020. Despedimos o ano no medio da segunda onda desta pandemia que está a ser máis mortífera que a anterior e os expertos xa anuncian que haberá máis arremetidas

Zona de Urxencias no Hospital Montecelo Mónica Patxot

O avance da Covid non se detén neste 2020. Despedimos o ano no medio da segunda onda desta pandemia que está a ser máis mortífera que a anterior e os expertos xa anuncian que haberá máis arremetidas.

O Ministerio de Sanidade indica que, en termos de mortalidade, a primeira onda desta enfermidade estendeuse ata o 10 de xuño, e en Galicia cobrouse 619 vidas. Na área sanitaria de Pontevedra O Salnés foron 16. A día de hoxe xa son 1.386 os falecidos en Galicia e 77 na nosa área sanitaria.

Cara o final da primavera a curva do coronavirus lograra aplanarse. Iso xerou unha confianza que motivou que se relaxasen as medidas, que non houbese rastreos, que se falase dunha nova normalidade só para referirse ao uso das máscaras ou que se fomentase o turismo interno. Igual que agora se fala de "salvar o Nadal" antes falouse de "salvar o verán".

As cousas empeoraron en agosto e empezou a crecer a chamada segunda onda cun aumento progresivo do número de contaxios detectados.

Respecto á anterior onda o número de vítimas mortais en Galicia é maior. Pero a situación é distinta porque o coñecemento actual sobre o virus e a capacidade de detección son agora maiores, Galicia realiza na actualidade moitísimos máis test que sacaron á luz asintomáticos descoñecidos, os sanitarios contan con ferramentas terapéuticas e esta vez hai menos presión hospitalaria, unha menor porcentaxe de ocupación das unidades de coidados intensivos. Con todo nas residencias de anciáns o virus expándese.

O Estado xa non marca a estratexia para facer fronte á pandemia. Agora é a Xunta a que establece as medidas e nesta segunda onda as restricións son máis laxas e prolongadas no tempo para tratar de danar menos á xa maltreita economía. Pero a elas esta enfermidade responde peor, polo que o descenso da incidencia é lento.

Ademais de decretar o peche da hostalería, o que xerou numerosas protestas que aínda perduran, a Xunta limitou en distintos graos e por municipios a mobilidade dos galegos e condicionou as actividades permitidas, como a práctica de deporte ou as reunións persoais, que nalgúns casos limitáronse unicamente aos conviventes.

En Pontevedra, o maior número de infectados de coronavirus, segundo os expertos,prodúcese nas reunións privadas.

Un último factor, nesta segunda onda, foi a denominada fatiga epidémica, que leva á cidadanía a baixar a garda e relaxar o cumprimento das medidas de seguridade. Aí é cando se perde o "sentidiño".

Con todo, nos últimos días decembro chegou un halo de esperanza. A tan ansiada vacina que, se todo vai ben, fará que 2021 sexa un ano completamente diferente. As primeiras doses xa se comezaron a inxectar en España e en Galicia. Debería ser o principio do fin da pandemia.