Elevan a 719 os falecidos en Galicia durante a primera vaga da covid-19

Por Alejandro Espiño
O Instituto Nacional de Estatística (INE) elevou a 719 os falecidos en Galicia durante a primeira vaga da covid-19, entre os meses de marzo e maio. Son cen máis dos que recollían as estatísticas oficiais, que só computaban as mortes cunha proba analítica positiva.
Seguindo o criterio da OMS para establecer os falecidos, o INE inclúe nesta estatística a todas aquelas persoas que morreron coa covid-19 identificada ou que eran sospeitosos de tela, como apuntan os seus certificados médicos de defunción.
Así, fronte os 619 mortos que figuraban no reconto oficial de vítimas (ata o 10 de xuño), durante esta primeira vaga perderon a vida 643 galegos que tiñan o virus identificado.
A eles súmanse os outros 76 que, segundo reflicten os seus certificados, son casos sospeitosos. É dicir, tiñan síntomas compatibles coa enfermidade pero non se lles fixo unha proba diagnóstica que acreditase a súa infección.
A diferenza dos datos de Sanidade, que segrega os casos de covid-19 por área sanitaria, o INE reúne nun mesmo indicador a todos os falecidos na provincia de Pontevedra, integrando os casos das áreas de Pontevedra e Vigo.
Neste caso, fronte os 150 mortos entre marzo e maio (134 en Vigo e 16 en Pontevedra), este rexistro sitúa os falecidos en 156. Ademais, identifica outras 12 persoas como casos sospeitosos. Por tanto, as mortes derivadas pola covid-19 foron 168.
Case o 56% destas mortes (94) foron mulleres, segundo certifica o estudo do INE. Ademais, tres de cada catro falecidos (123) tiñan máis de 80 anos. As dúas defuncións máis prematuras foron as de dúas mulleres que tiñan entre 50 e 54 anos.
CASE 46.000 MORTOS EN ESPAÑA
A diferenza entre os datos oficiais e os que agora certifica o INE é aínda maior no conxunto de toda España. Sanidade, segundo os datos que achegaban as comunidades autonómicas, confirmara uns 29.000 falecidos.
Esta nova estatística sitúa en 32.652 as mortes por covid-19 entre marzo e maio, cifra á que engade outras 13.032 persoas que faleceron con sospeita de ter coronavirus. É dicir, a pandemia matou a 45.684 españois durante esta primeira vaga.
Relacionadas:
-
E veu unha segunda onda con máis mortes que a primeira
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade alivia restricións en Pontevedra, Marín e Poio
Por Alejandro Espiño |
-
Unha muller de 89 anos, vítima 68 por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Os casos activos de Covid baixan a 856 tras unha xornada con 38 novos positivos na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Dúas mulleres, procedentes da residencia Soremay, falecen nas últimas horas en Pontevedra por covid-19
Por Redacción |
-
ALCER Pontevedra alerta de que a covid-19 deixa, nalgúns casos, secuelas no funcionamento dos riles
Por Redacción |